Notas de prensa

O IGFAE deseña un detector de partículas de longa vida que podería cambiar a comprensión da materia

Cal é a orixe do Universo ou como explicar a súa composición presente son algúns dos interrogantes aos que se podería subministrar luz a través do achado das denominadas partículas de longa vida. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) está a traballar no desenvolvemento dun novo detector, CODEX- b, que aspira a identificar este tipo de partículas, especialmente escorregadizas, e preditas en diversos modelos teóricos que van alén do actual Modelo Estándar.

Acadar un achado destas características “podería abrir un novo capítulo na nosa comprensión da materia e as leis que gobernan o Cosmos”, explican os investigadores. CODEX-b é un detector proposto para ser instalado a carón do experimento LHCb, un dos xigantescos detectores de partículas do Large Hadron Collider (LHC), o maior experimento do CERN.

LHC, o gran colisor de hadróns, é un acelerador de 27 km que fai colidir protóns a case a velocidade da luz. Arredor desas colisións sitúanse diversos detectores que funcionan como inmensas cámaras de fotos capturando o resultado de cada colisión. Estas cámaras, aínda que implican desenvolvementos tecnolóxicos do último nivel, non sempre son quen de "ver" absolutamente todo o que sucedeu nas colisións e poden chegar a perder detalles.

Unha das misións fundamentais destes experimentos é atopar fenómenos novos ou imprevistos, Nova Física, que nos poidan axudar a entender mellor algúns dos misterios do Universo. Un deles son as partículas de longa vida (Long-Lived Particles, LLP), cuxa detección poderían estar un paso máis preto grazas a CODEX- b, un proxecto co-liderado polo IGFAE.

Paso previo

Cando chocan os protóns no acelerador, as LLP “voan” entre uns milímetros e varios metros antes de desaparecer, fóra do alcance dos detectores existentes que son incapaces de capturalas e reconstruír a súa traxectoria. Como paso previo a CODEX-b, o equipo xa está a construír o demostrador CODEX-beta, unha versión máis pequena e barata do experimento que se espera rematar nos vindeiros dous anos. O seu obxectivo será medir os fondos, facer análises preliminares e demostrar que a tecnoloxía de detección de CODEX-b é factible.

O IGFAE é un dos líderes do proxecto CODEX-b a partir da participación do investigador Ramón y Cajal Xabier Cid, “coordinador da física” de CODEX-beta, e de Saúl López, estudante que acaba de comezar a súa tese de doutoramento no experimento. O IGFAE financia e participa en parte da súa construción coas "cámaras de placas resistivas" (RPCs), uns detectores de partículas gasosos de resposta rápida. Ademais do IGFAE, no proxecto participan investigadores de universidades de Estados Unidos e Europa.

Nova Física

“Unha das leccións que aprendemos nos dez anos que leva funcionando o LHC é que debemos non ter preconceptos e ser o máis abertos posible de cara a analizar os datos das colisións”, explica Xabier Cid. “A Nova Física, non prevista no Modelo Estándar, pode estar ao noso alcance, e non debemos deixar ningún rincón sen explorar. CODEX-b ten un potencial único, e é complementar aos experimentos que existen hoxe no CERN”. CODEX-b é unha das propostas máis prometedoras para atopar LLP ou descartar a súa existencia nos vindeiros 10 anos. Esta actividade foi cofinanciada con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. O vídeo divulgativo “Partículas de longa vida: unha nova vía para descifrar o universo” que acaba de estrear o IGFAE na súa canle de YouTube explica esta nova liña de investigación.

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), 2021-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES