Notas de prensa

O sétimo Premio Valentín Paz Andrade pon o foco na revolución vivida polo agro galego nas últimas décadas

Unha investigación sobre o papel de Galicia como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas, e unha análise sobre os últimos 30 anos do sector agrario e agroalimentario, son os traballos recoñecidos co Premio Valentín Paz Andrade de investigación en economía de Galicia na modalidade dirixida a artigos científicos. No apartado de teses de doutoramento recoñeceuse un traballo sobre moto-mecanización da agricultura en Galicia ata o ano 2000.

A sétima edición deste galardón é unha convocatoria conxunta do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e do Consello Económico e Social de Galicia (CES). A súa finalidade é premiar aqueles traballos que favorezan o mellor coñecemento da realidade económica e social galega e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns.

O artigo asinado polos investigadores da USC María Luísa Chas Amil e Xoán R. Doldán García, xunto a Pablo Piñero, David Pérez Neira e Juan Infante, defende que unha rexión, como Galicia, pode desempeñar un dobre papel como núcleo e periferia na división global de actividades extractivas. A publicación demostra que Galicia é importador neto de recursos naturais procedentes de economías de renda media e baixa e que, canto máis baixos son os ingresos do socio comercial, máis intensas son as importacións de materias primas. Porén, este déficit é menos acentuado que no resto de España. Asemade, Galicia é unha fonte, é dicir, exportador neto de materias primas en comparación con economías máis prósperas da Unión Europea e, incluso para algúns socios comerciais chave, como Alemaña, Reino Unido e o resto de España, é un importador neto de valor engadido.

Pola súa parte, Edelmiro López Iglesias aborda, no outro dos artigos premiados, como nos últimos 30 anos o sector agrario e o complexo agroalimentario galego tiveron que “afrontar profundas mudanzas no seu marco de funcionamento como consecuencia dos cambios nos mercados, nas políticas e nas demandas da sociedade”, apunta. Nese contexto, o sector deu mostras nalgúns aspectos “dun notable dinamismo e capacidade de resposta”, sinala o investigador. Un exemplo que evidencia esta premisa é a expansión da produción láctea, “que permitiu que Galicia se consolidara entre as dez primeiras rexións leiteiras da UE, ou o desenvolvemento de producións diferenciadas e de calidade principalmente no vacún de carne e no viño”, continúa López Iglesias. No referido á tecnoloxía produtiva, o sector agrario mantivo un elevado esforzo investidor que, unido ao acelerado axuste da man de obra, posibilitou que “o enorme atraso do que partía na dotación de capital por traballador fora superado”, explica o profesor da USC. Tal esforzo investidor permitiu tamén a consolidación dun segmento de explotacións profesionais medianas, aínda minoritario, pero que constitúe xa, tal e como establece o artigo premiado, o núcleo produtivo do sector. “Porén, a pesar dos avances, o complexo agroalimentario segue presentando aquí fortes deficiencias, especialmente en dous aspectos: os déficits estruturais na base territorial das explotacións e nos usos da terra, e a debilidade da agroindustria”, explica o investigador. Estas deficiencias provocaron que nas tres últimas décadas se ampliara o saldo negativo da balanza agroalimentaria. En ambos os dous artigos, o xurado valorou a relevancia do obxecto de estudo, así como “o rigor e a exhaustividade das análises realizadas”.

Na modalidade dirixida a recoñecer teses de doutoramento, o galardón recaeu na investigación A Moto-mecanización da Agricultura en Galiza (1939-2000). Políticas de innovación, mercados e comunidades labregas de Bruno Esperante Paramos, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero Táboas. No seu ditame, o xurado salientou “o carácter novidoso” desta investigación. Esta tese analiza a introdución de tractores nas agriculturas familiares en Galicia entre 1939 e o ano 2000. Para iso, o investigador parte dunha división cronolóxica en base a tres paradigmas de innovación tecnolóxica na agricultura ao longo do século XX. “En primeiro lugar, e baixo o pulo da segunda onda da industrialización a fins do século XIX, mecanízase a agricultura no marco dun paradigma liberal e de economía de mercado. Porén, o golpe de Estado militar de 1936 rompe con estas tendencias e, dende 1939, a Ditadura de Franco tenta construír un paradigma tecnolóxico baseado no fascismo agrario e na autarquía”, explica Bruno Esperante. Mais na década dos corenta e nos cincuenta, a agricultura en Galicia experimenta unha “forte crise”, sinala o investigador, debido á falta de todo tipo de inputs industriais. Situación que se agrava debido á súa exclusión das políticas de moto-mecanización ata os anos sesenta. “Por outra banda, a chegada dos créditos norteamericanos nos anos cincuenta á Ditadura fórzana a abandonar os postulados do fascismo agrario e da autarquía”, engade Esperante. Constrúese dende entón outro paradigma de industrialización da agricultura dende os anos sesenta. “De alí en diante, as principais políticas de industrialización defínense cunha confianza cega na tecnoloxía. O éxodo rural e o fortalecemento da agro-industria incentivan unha rápida moto-mecanización da agricultura en Galicia durante os anos setenta”, conclúe Esperante.

O xurado do certame estivo composto polo reitor Antonio López, o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández; o director do IDEGA, Alberto Meixide; Xoán Carmona, en representación do Consello Científico do IDEGA; Fernando González Laxe e Xosé Henrique Vázquez Vicente.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES