
A iniciativa Talentos Inclusivos ten como obxectivo fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a problemática coa que se encontran no día a día as persoas con diversidade funcional. Para isto, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que os estudantes deberán aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Non acto de presentación, o investigador principal do proxecto, Javier Pereira, explicou o fluxo de traballo da iniciativa, desde que os usuarios de ASPACE Coruña lanzan un reto tecnolóxico ata que o alumnado dos centros educativos coruñeses propoñen unha solución, incidindo na importancia de espertar vocacións científico- tecnolóxicas entre a mocidade. A xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz, agradeceu ao CITIC que a súa actividade reverta nas persoas para conseguir solucións para mellorar a vida das persoas con parálise cerebral.
O evento contou coa participación a través de videoconferencia do secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, que quixo destacar a amplitude deste proxecto que implica a todo o sistema educativo. Presidiu o acto o reitor da UDC, Julio Abalde, que sinalou que esta iniciativa é un claro exemplo das vantaxes que reporta a tecnoloxía para a xente baseándose en aspectos humanísticos e recordou a implicación do CITIC en actividades enfocadas a traballar en favor da inclusión e a diversidade. O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, puxo en valor o fomento da formación da mocidade en valores humanos que se persegue co proxecto Talentos Inclusivos.
Os centros educativos que xa confirmaron a súa implicación son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES de Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos San Juan Bosco (A Coruña) e IES David Buján (Cambre). Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos procurarán ao longo do curso escolar desenvolver e aplicar unha solución tecnolóxica ás diferentes problemáticas diarias expostas polos usuarios de ASPACE Coruña. O alumnado estará asesorado por un equipo de 20 investigadores do CITIC, á súa vez profesores da Facultade de Informática, xunto con terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas de ASPACE Coruña. Facilitar o cambio de canais de televisión nun mando a distancia ou evitar obstáculos ás cadeiras de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Sobre ASPACE Coruña
ASPACE (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral) foi fundada en 1977 por un grupo de pais e nais de persoas con parálise cerebral. É a asociación pioneira en Galicia en atención integral a persoas con parálise cerebral e a única con estas características na Coruña e provincia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.