Notas de prensa

Sete reflexións sobre a sexualidade en forma de performance

Empregar a performance como canle para expresar unha reflexión sobre a sexualidade, as identidades non normativas e os estereotipos que persisten en relación coa orientación sexual. Esta foi a proposta que o profesor Carlos Tejo trasladou ao alumnado da materia do grao en Belas Artes Proxectos de arte de acción e da que xurdiron unha serie de propostas que agora se ven plasmadas no catálogo 'Axitando a heteronormatividade'.

Resultado final dunha iniciativa seleccionada o pasado curso na liña de axudas para actividades docentes con perspectiva de xénero da Unidade de Igualdade, esta publicación presenta a través dunha serie de fotografías as performances que sete alumnas idearon e desenvolveron ao abeiro dunha iniciativa que, como apunta o docente, tiña como punto de partida unha reflexión “sobre outros xeitos de entender a sexualidade, onde tivese cabida un amplo crisol de opcións”.

“Pareceume interesante que as novas xeracións reflexionasen sobre este tipo de temáticas, que son importantes porque condicionan a vida de moitísimas persoas”, salienta Tejo respecto do punto de partida dunha actividade de carácter voluntario, “xa que pode ser incómodo e controvertido falar de sexualidade”, na que obtivo “unha resposta extraordinaria” por parte das estudantes. A súa idea, explica, era que reflexionasen “primeiro sobre que é a sexualidade e, en segundo lugar, que pasa coas sexualidades non normativas”, para logo pór en valor a performance como “un xeito de darlle forma artística a uns pensamentos, un vehículo para expresar non só sentimentos, senón para tratar tamén cuestións políticas”.

Performances nacidas dunha “profunda revisión dos estereotipos”

Con eses obxectivos, o proxecto, levado a cabo o pasado curso, arrincou cun coloquio coa sexóloga Mai Insúa, no que “xurdiron diferentes cuestións que formularon unha profunda revisión dos estereotipos de xénero en relación coa orientación sexual, os comportamentos machistas dentro da heterosexualidade e da propia homosexualidade, a homofobia, a transfobia...”, apunta Tejo. A partires deste marco, Candela Cousillas, Carmen Cuervo, Iana Docampo, Ana Lorenzo, Marina Garcia, Valeria Martínez e Carlota Ventín idearon performances que, como actividade final do proxecto, levaron a cabo na propia facultade e que quedaron rexistradas nas fotografías de Adrián Porima que se presentan neste catálogo. Deste xeito, esta publicación pretende “darlle materialidade” a unha actividade “tan esquiva e efémera” como a performance, servindo así como rexistro dunha iniciativa que Tejo recoñece como unha “experiencia extraordinaria cuns resultados brillantes”.

Nese mesmo senso, a directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, pon o acento en que se trata dunha publicación que “amosa compromiso, orixinalidade e crítica social a través da práctica artística”, e que se insire nunha “colaboración consolidada” con docentes de Belas Artes como Tejo, co propósito de promover unha “reflexión crítica sobre o sistema sexo-xénero hexemónico na nosa sociedade mediante a arte”. Nun momento no que se está a producir “un crecemento masivo da conciencia crítica feminista no conxunto da sociedade”, a universidade, subliña Gómez, debe ser un lugar para unha análise crítica como a que reflicten prácticas artísticas que “exploran, cuestionan ou denuncian problemáticas vinculadas á desigualdade, relacionadas con aspectos identitarios, de xénero ou transculturais”.

Aínda que o punto de partida fose unha reflexión sobre “as sexualidades non hexemónicas, os proxectos non tiñan que limitarse nin cinguirse” a esta cuestión, salienta Tejo, senón ser o resultado dunha reflexión sobre a sexualidade, que as alumnas realizaron con “total liberdade”. De feito, as participantes “traballaron temáticas como a feminidade e os estereotipos, a violencia, as relacións sexuais non consentidas, o que se considera ou non ser normal no referido á sexualidade, a aceptación persoal como ferramenta para vivir unha sexualidade mellor, o erotismo do cotián...”, explica Tejo, que destaca a implicación das alumnas cun proxecto que, fronte a unha sociedade na que “reproducimos esquemas que están moi marcados cultural e socialmente”, puña énfase na defensa de “todos os afectos e orientacións sexuais baseados na liberdade, o respecto e o consentimento mutuo”.

Universidade de Vigo, 2020-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES