Notas de prensa

Play-Doc presenta un novo modelo de festival e desvela a súa programación de cinema galego

Presentouse en Tui, en rolda de prensa, os contidos da sección galega así como toda a programación que compón a nova edición do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebrará do 23 ao 27 de setembro na cidade fronteiriza. Sen perder o carácter internacional que definiu a programación de Play-Doc durante toda a súa traxectoria, nesta edición, o festival presenta uns contidos cos que pretende reforzar os vínculos coa súa comunidade.

Novas localizacións transformarán a localidade pontevedresa nunha gran sala de cinema. O cinema doméstico, arquivo dunha memoria compartida, será a fonte de inspiración para videocreadores que asolagarán de imaxes a cidade. A través de actividades de formación os veciños converteranse en cineastas e o talento dos creadores galegos no verdadeiro protagonista. Tradición e vangarda, pasado e presente, danse a man nunha edición interdisciplinar que convida a reflexionar sobre os tempos que vivimos.

Á rolda de prensa asistiron os patrocinadores institucionais do evento, o Alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro, en representación da Xunta de Galicia a Coordinadora de Políticas Audiovisuais do Agadic, Dolores Meijomín, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e por parte de Play-Doc Ángel Sánchez, codirector do festival xunto con Sara García, todos eles estiveron acompañados pola Concelleira de Cultura do Concello de Tui, Sonsoles Vicente e pola Deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso.

Durante a rolda de prensa todos destacaron a relevancia do evento dentro do panorama audiovisual nacional e a valentía para seguir adiante e reinventar o festival, en palabras do Alcalde, Enrique Cabaleiro, ´o Concello apoia a cultura e ao festival como un elemento dinamizador, tanto social como económico, sendo sinal de identidade de Galicia e de Tui´. Pola súa banda, Dolores Meijomín, responsable de políticas audiovisuais do Agadic, destacou ´o enorme respecto do certame ao cinema, aos creadores e ao público seguindo adiante con esta edición´ ademais puntualizou que ´o contido deste ano é de agradecer polo achegamento aos creadores galegos promovendo e impulsando o noso talento por todo o mundo´. Para Carmela Silva o máis relevante desta edición ´é a capacidade de reinvención para presentar unha edición diferente, renovada e capaz de manterse cun novo modelo´.

Protagonismo do cinema galego

No seu afán de promocionar e impulsar o talento galego e a diversidade da súa produción audiovisual, o festival presentou un amplo programa de títulos producidos en Galicia onde o público atopará narrativas fílmicas e aproximacións formais moi dispares. Desde directoras que exploran o desafío e o desarraigamento que provoca a emigración como é o caso de A Media Voz dirixida por Heidi Hassan e Patricia Pérez á procura da identidade a través das tradicións máis ancestrais de Galicia na proposta de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, Dorothé na Vila. Retratos do rural e a súa transformación en Santa Baia de Montes de Sabela Souto e Notas sobre a habilidade da barca do colectivo Cinema Semente, un concepto que tamén retrata Santiago D. Risco en A Miña Terra. A proposta máis experimental chegará coa produción galega da cineasta británica Jessica Sarah Rinland, que presenta Those that, at a distance, resemble another. O cineasta Xurxo Chirro traerá ao festival a súa película De Barrio na que reflexiona sobre a memoria e o seu propio recordo. Camila Kater coa súa película Carne convida o público a reflexionar sobre a relación co corpo desde a perspectiva de cinco mulleres.

Pola súa banda, Ángel Sánchez, codirector do festival xunto con Sara García, destacou ´o enorme esforzo e ilusión do equipo do festival para poder celebrar esta edición tan especial e resaltou o enorme compromiso de todos os participantes á hora de facilitar a celebración do mesmo. Nesta edición quixemos que o festival se achegará máis ao público, por iso sairá á rúa e o espazo urbano tamén será testemuña do enriquecedor diálogo entre a creación audiovisual e outras manifestacións artísticas como a música, a fotografía, a danza ou a poesía. Ademais Play-Doc chegará a máis espectadores que nunca grazas á súa colaboración con FILMIN, unha das plataformas online máis importantes de cinema baixo demanda que facilitará que a nosa programación chegue a todos os recunchos de España fidelizando novos público´.

Do mesmo xeito que noutros anos fixérono Oliver Laxe, Eloy Enciso ou Lois Patiño nesta edición Play-Doc reedita a súa programación ‘ Coming Soon’ no que catro cineastas galegos, Margarita Ledo, Sonia Méndez, Pela del Álamo e Alexandre Cancelo, presentarán en directo ao público un breve adianto dalgunhas das películas que poderemos ver durante o próximo ano 2021. ‘ Coming Soon’ é un espazo aberto no que compartirán o proceso creativo dos seus proxectos. Este evento será seguido de maneira telemática por programadores nacionais e internacionais grazas á colaboración de AC/E Acción Cultural Española.

Encontros profesionais, talleres de formación, presentación de proxectos, e un gran número de actividades completan unha rica programación que volve situar a Play-Doc como unha referencia indiscutible no panorama de festivais do noso país.

Play-Doc 2020, 0000-00-00

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES