Notas de prensa

A EGAP fai balance da súa actividade no primeiro semestre do ano cun total de 610 actividades e 31.775 prazas convocadas

Reuniuse o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, no que a directora do centro, Sonia Rodríguez-Campos, presentou un informe sobre as actividades levadas a cabo por este organismo entre xaneiro e xullo e a previsión de actividades para despois do verán. Durante esta reunión a directora da EGAP deu conta das actividades convocadas no primeiro semestre de 2020, que sumaron un total de 610 edicións e 31.775 prazas dirixidas principalmente ao persoal empregado público das administracións galegas.

De entre elas destacou as relativas á prevención e loita contra a violencia de xénero, xa que un ano máis a Escola incrementou esta formación coa programación de 49 cursos nunha convocatoria específica dirixida a todo o alumnado incluído no Plan de formación anual.

Por outra banda, Sonia Rodríguez-Campos incidiu no éxito de matrícula das actividades formativas en liña dirixidas a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, pola
quenda de promoción interna, aos corpos superior, subgrupo A 1 de xestión, subgrupo A 2 administrativo, subgrupo C 1 e auxiliar subgrupo C 2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; os cales serviron para formar a 1377 empregadas e empregados públicos.

A continuación, a directora anunciou aos membros do consello a convocatoria dunha nova edición do Premio Manuel Colmeiro, co fin de fomentar e distinguir traballos de estudo e investigación sobre as administracións territoriais, institucionais e instrumentais do sector público de Galicia e as novidades editoriais da Escola logo de rematar o proceso de conversión das revistas Regap e Administración&Cidadanía a un formato dixital.

No decurso da reunión a directora tamén avanzou as actividades que terán lugar a partir de setembro, entre as que destacou o curso superior de administración electrónica, os e-martes, unha xornada e un webinario sobre a protección de datos a partir da pandemia covid-19 ou o curso monográfico A innovación social no sector público.

Medidas covid-19

Durante a presentación do informe Sonia Rodríguez-Campos tamén resaltou o esforzo realizado polo persoal da Escola e polos seus docentes para seguir mantendo de xeito ininterrompido a actividade formativa non presencial, a pesar das restricións impostas pola covid-19. Neste sentido destacou o elevado seguimento das actividades en teleformación, nas que máis do 82% do alumnado obtivo o dereito a diploma.

Outra das medidas destacadas foi a progresiva transformación dalgunhas actividades presenciais á modalidade de telepresenza, o que deu lugar á realización de seis cursos no primeiro semestre e á programación de catorce máis a partir de setembro.

Finalmente, a directora tamén incidiu na aplicación de todos os protocolos necesarios para garantir a seguridade nas instalacións, tanto nas aulas coma no resto de espazos comúns do edificio e na posta en marcha de formación específica sobre o risco biolóxico por covid-19 dirixida a 2088 profesionais das escolas infantís e dos arquivos, bibliotecas e museos dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.

Escola Galega de Administración Pública (EGAP), 2020-07-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES