Notas de prensa

XuvenCiencia lanza un Campus en Rede do 29 de xuño ao 3 de xullo

O Campus de Verán XuvenCiencia 2020 será un campus en rede, que non virtual, xa que os proxectos propostos resultan “moi tanxibles” e requirirán traballo de campo, segundo afirman os promotores da oitava edición dun campamento científico que sortea as limitacións derivadas da pandemia cunha proposta colaborativa e a distancia, dirixida a alumnado de 4º de ESO e BAC de Galicia e España, que se desenvolverá do 29 de xuño ao 3 de xullo.

A mocidade interesada en participar en cinco proxectos relacionados coa actual conxuntura sociosanitaria, na que cómpren reflexións sobre o medio ambiente, a sustentabilidade dos recursos, a consciencia sobre a orixe dos alimentos e as aprendizaxes de xeracións pasadas, poden formalizar xa a súa inscrición a partir do luns no formulario en liña habilitado na web de XuvenCiencia.

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede desenvolverá cinco proxectos: Plantifícate!, que chama a descubrir a biodiversidade da contorna e a identificar as especies máis acaídas e adaptadas ao noso territorio; Leva a auga ao rego, que aprenderá a delimitar unha conca fluvial e a que os rapaces/zas realicen medicións de caudal nunha corrente de auga próxima á súa casa, serán dúas destas propostas. Asemade, Somos o que comemos? reflexionará sobre a orixe dos alimentos que poñemos á mesa, a pegada de carbono, o seu transporte e as ideas preconcibidas sobre o medio rural, mentres que Ti e o tempo dará instrucións para construír un reloxo solar e descubrirá todo o que se pode medir con el e como o horario solar inflúe nas nosas vidas. O quinto dos proxectos, Como quen oe chover, abordará a fraseoloxía relacionada co clima e o tempo, analizará a súa pegada na cultura pop e viaxará na historia para comprobar que efectos tiveron na sociopolítica e nas artes. Cada un destes proxectos ofertará entre 30 e 40 prazas.

Como novidade nesta edición excepcional, XuvenCiencia creará un Obradoiro de Medios no que os propios estudantes de secundaria darán os primeiros pasos no eido do xornalismo científico. As xuvenreporteiras/os do Obradoiro e Medios terán como encarga elaborar informacións dos diferentes proxectos e entrevistarán os seus compañeiros, o profesorado responsable e os monitores/as. Estes contidos encherán o magacine XuvenCiencia e difundiranse a través das redes sociais. As prazas ofertadas para o Obradoiro de Medios son un máximo de 10.

Programa e Xuventardes Lumieira

O Campus de Verán XuvenCiencia en Rede comezará o luns, 29 de xuño, coa apertura oficial das actividades e unhas sesións nas que o profesorado explicará as tarefas e comezará unha toma de datos que se prolongará durante toda a xornada do martes. Nos casos nos que coincidan varias persoas matriculadas na mesma localidade ou contorna, anímase aos xuvencientíficos a que formen pequenos grupos para o traballo de campo. O mércores será día de análise de resultados e o xoves, de preparación das comunicacións científicas en grupos. Xa o venres terá lugar a posta en común de resultados de todos os proxectos, ademais dun relatorio interactivo de clausura.

A A.D.C. Lumieira preparará para esta edición en rede novas actividades colaborativas e de lecer, adaptadas á situación de distancia, ás que a rapazada matriculada se poderá sumar voluntariamente nos seráns. As Xuventardes Lúdicas Lumieira propoñen actividades individuais e/ou colectivas de tempo libre, deportivas, de exercicio físico, de lecer, na natureza... Os xogos e tarefas deseñados terán como obxectivo a interacción entre os/as asistentes e cumprirán o propósito de crear un espírito de comunidade, malia ao obrigado distanciamento social e a que cadaquén estea na súa localidade.

A coordinadora do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez, comenta que o programa deste Campus de Verán en Rede ten en conta as opinións do voluntariado, as familias e estudantes consultados nunha enquisa previa. “Moitos insistían en que unha das mellores cousas do Campus de Verán XuvenCiencia son as amizades e o ambiente que se crea. Por iso a nosa proposta é En Rede, non un seminario on-line máis”, salienta Novo, para logo engadir que a actividade proposta convida aos participantes a saír fóra, coñecer a súa contorna e a formar pequenos grupos en función da dispoñibilidade.

“Queremos tecer ligazóns para a investigación, que pode e debe facerse de xeito colaborativo e cos ollos ben abertos ao que temos máis preto de nós”, incide a coordinadora de XuvenCiencia e deste campus en rede, unha iniciativa organizada co apoio do Campus Terra da USC, a Deputación de Lugo, o grupo Aresa e a iniciativa Proxéctate en Galego, do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES