Notas de prensa

Reábrese o luns o prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21

Desde o luns día 11 e ata o seguinte luns, 18 de maio reábrese o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, para aquelas familias interesadas que non puideron presentala durante o período ordinario ao verse suspendido o prazo pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo. Para atender o proceso de admisión presencial o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos.

Cómpre lembrar que este período de admisión vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aquel alumnado de Educación Infantil, de Educación Primaria, de ESO e de Bacharelato que desexa cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.

Deste xeito, e tal e como se pode consultar Portal Educativo, o prazo de presentación de solicitudes de admisión reanúdase mañá día 11, e remata o 18 de maio, ambos incluídos. Ademais axústanse distintas fases do proceso para procurar a súa tramitación coa maior brevidade. Así, as listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicaranse ata o 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño. O prazo ordinario de formalización de matrícula para todas as ensinanzas irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.

As solicitudes de admisión poderán presentarse, preferentemente, de xeito telemático na aplicación ‘admisionalumnado’ (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado), que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala por vía electrónica a través da propia aplicación, ou de maneira presencial no centro. Ademais, deste modo, poden consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

As solicitudes tamén se poden presentar de xeito presencial nos centros escolares nos mesmos prazos (do 11 ao 18 de maio). Precisamente para atender o proceso de admisión presencial, na súa última reunión desta semana, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. Deste xeito, no caso dos centros de seis ou máis unidades, deberá estar cando menos un membro do equipo directivo, diariamente, no horario habitual do centro; e nos de menos de seis unidades deberá estar o director ou docente responsable os días precisos para a realización dos trámites. O persoal administrativo deberá estar tamén nos centros o tempo que considere preciso a dirección para atender todos os trámites derivados deste proceso e doutros procedementos.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, 2020-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES