Notas de prensa

A sociedade dixital protagoniza a segunda edición de 'Tempo da Psicoloxía' entre o 17 e o 20 de febreiro en Compostela

Entre os días 17 e 20 de febreiro celebrarase a segunda edición de Tempo da Psicoloxía, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolverá na capital compostelá. Ao longo destes catro días, a sociedade dixital será obxecto de reflexión desde o enfoque da psicoloxía na súa interacción con diversos axentes sociais.

Tempo da Psicoloxía é unha actividade divulgativa deste ámbito científico e profesional na sociedade, que aborda unha temática concreta en cada edición desde o prisma da psicoloxía, pero en interacción con outros axentes sociais. As actividades dos tres primeiros días serán de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo, mentres que a xornada do xoves estará reservada para a comunidade académica, coincidindo coa celebración dos actos do Día da Psicoloxía Académica.

Comezará o luns 17 de febreiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 19:00h, co acto de inauguración desta segunda edición de Tempo da Psicoloxía, para proseguir co primeiro dos coloquios, "Do smartphone ao Fortnite: adiccións e tecnoloxías", onde participarán Antonio Rial Boubeta, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e investigador no eido das adiccións; José Manuel Recouso Ramos, psicólogo clínico de AGALURE; Olegaria Mosqueda Bueno, orientadora do IES Santa Irene de Vigo; e Rosa Cerqueiro Landín, voceira do Movemento Galego de Saúde Mental. Esta mesa estará moderada pola xornalista Belén Regueira. Deste modo, analizarase un dos aspectos que máis preocupa sobre este contexto dixital, tal e como é o xogo online, a adicción aos videoxogos ou o uso abusivo dos teléfonos móbiles, tanto entre a adolescencia como nas persoas adultas.

O martes 18 de febreiro ás 19:30h na sede Afundación (Rúa do Vilar, 19), ofrecerase unha palestra na que se tratará de reflexionar sobre como é posible reducir o impacto de certas fendas sociais, como o xénero, o rural, a vellez ou a enfermidade mental, a través das ferramentas dixitais, baixo o título "Tecnoloxías que rachan coas fendas sociais". Participará Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia; Rosa Arcos Caamaño, presidenta de Fademur Galicia; María José Fares Varela, psicóloga experta en envellecemento e docente das Aulas Senior ATEGAL; así como Patricia Gómez Salgado, psicóloga de FEAFES Ourense. Esta conversa estará moderada pola xornalista Tamara Montero.

A última das actividades de acceso libre será o mércores 19, tamén na sede Afundación e ás 19:30h, para abordar como mudaron as nosas formas de relacionarnos, tanto de xeito interpersoal como coa propia administración ou a través da nosa identidade dixital. A xornalista Alba Mancebo ocuparase de dirixir esta conversa, na que participará Marcus Fernández, webmaster de Código Cero; Julio González Morandeira, psicólogo e responsable de innovación do Concello de Lugo; Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago; así como unha alumna do Grao de Psicoloxía, Lara Deza.

O peche desta edición de Tempo da Psicoloxía será na Facultade de Psicoloxía, con motivo dos actos de celebración do Día da Psicoloxía Académica, no que Cristina Botella, catedrática de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos da Universitat Jaume I, impartirá unha conferencia co título "O uso das TIC na intervención psicolóxica".

#TempoDesconexión

Co gallo da temática escollida para esta edición, un grupo de alumnas e alumnos do Grao de Psicoloxía da USC participa nun reto para comprobar a incidencia desta sociedade dixital nas súas vidas, a través do reto de desconectarse das redes sociais e da mensaxería instantánea (WhatsApp e similares) ao longo dunha semana. Co cancelo #TempoDesconexión no Instagram do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (www.instagram.com/copgalicia) relatan a súa experiencia día a día a través de vídeos, as dificultades para cumprilo, sensacións e cambios nas súas vidas.

Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, 2020-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES