
Os habitantes de época romana tiñan contidos de chumbo e mercurio dúas veces superiores aos da época medieval inmediatamente posterior, con independencia da idade ou o sexo dos individuos, sinala López Costas. Isto implica que toda a poboación estivo suxeita a esta contaminación e que esta chegaba principalmente por vía aérea, sen relación estreita por tanto cos seus modos de vida ou alimentación. Esta investigación permitiu confirmar, ademais, o que xa revelaron no seu tempo os rexistros de metais tóxicos, como o chumbo, preservados nas turbeiras do Xistral en Lugo: o período romano representou un clímax na contaminación atmosférica debido á intensa actividade mineira e metalúrxica que tivo lugar no noroeste, como nas Medulas, e outras rexións de España.
O estudo, recentemente publicado na revista Science of the Total Enviroment, está liderado por López Costas, xunto con Noemí Álvarez Fernández e Antonio Martínez Cortizas, investigadores do grupo EcoPast da USC, xunto a un elenco de colaboradores de Suecia, Reino Unido, Alemaña e Bélxica que permitiu descubrir ata onde chega a pegada da contaminación en período romano.
A contaminación queda nos ósos
O estudo destaca que a contaminación por metais pesados como chumbo e mercurio afectaría a toda a poboación. A contaminación, e en especial a dos metais, tan prexudicial para o noso corpo, é unha consecuencia da actividade humana e leva afectándonos desde os seus inicios. É o prezo que levamos pagando. Hai individuos romanos que presentan ata un 85% do chumbo dos seus ósos proveniente de contaminación, mentres que en época medieval cando baixa a actividade tamén diminúe o sinal nos esqueletos. Todo isto nun xacemento afastado dos grandes focos da minería como é A Lanzada, explica López Costas.
O prezo para pagar desde o inicio dos tempos
O equipo apunta a que este estudo demostra que en calquera tempo pasado sempre houbo un custo para pagar polo que chamamos civilización e este afectaba a todas as persoas. Este traballo, buque insignia dun proxecto sobre o efecto da contaminación por metais no pasado en Europa, desvela ademais que os ósos arqueolóxicos son un arquivo directo dos cambios ambientais. Na actualidade, no grupo EcoPast, están a realizarse dúas teses doutorais, unha sobre mercurio en ósos humanos e outra sobre chumbo en ósos animais de diversos períodos, para avanzar no coñecemento das repercusións da contaminación atmosférica.
A importancia do xacemento da Lanzada
Unha vez máis a necrópole da Lanzada, obxecto de numerosos estudos previos, demostra o seu gran peso para explicar o pasado galaicoromano. Nesta ocasión, os investigadores valéronse dos restos óseos achados nas dúas áreas de enterramento, unha de época romana e outra medieval, que cobren un período continuo de 700 anos, algo único na Península Ibérica.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.