Notas de prensa

A Materioteca de Galicia cumpre seis meses de labor de difusión de materiais innovadores

A Materioteca de Galicia celebra os seus primeiros meses de traxectoria cun balance positivo e a perspectiva de consolidar e ampliar as súas actividades como instalación de referencia dos materiais innovadores para as empresas e profesionais do deseño galegos. Desde a súa apertura xa son varias as colaboracións entre empresas e profesionais que se teñen propiciado arredor dos materiais innovadores que se expoñen na instalación do CIS Tecnoloxía e Deseño.

A Materioteca de Galicia é unha iniciativa singular do Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta de Galicia. Promovida pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), é un espazo de difusión de materiais innovadores a disposición de empresas de todos os sectores, profesionais do deseño e centros de coñecemento. Nela combínase unha exposición e arquivo de mostras clasificadas con servizos especializados para facilitar a transferencia de tecnoloxías de materiais ao tecido empresarial e estimular a innovación intersectorial.

Na materioteca expóñense 150 materiais cedidos por Material Connexion Bilbao que xa foron renovados parcialmente nesta primeira etapa. A eles súmanse 20 materiais creados por empresas e centros de coñecemento galegos, unha cifra que se incrementará significativamente durante o vindeiro ano grazas a un labor intensivo de captación de novas mostras.

BALANCE DO PRIMEIRO MEDIO ANO DE EXISTENCIA

Ao longo destes seis meses pasaron pola instalación máis de 300 persoas. Nalgúns casos concertáronse visitas individuais que se acompañaron de reunións entre empresas e profesionais do deseño e da emisión de informes personalizados sobre materiais en función das súas demandas.

Este traballo beneficiou xa a empresas e profesionais dos sectores forestal, téxtil, do deseño, da arquitectura e dos materiais. Un exemplo é a apertura de vías de colaboración entre a empresa francesa Roctool coa peme galega Betanzos HB e co Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG). A través da deseñadora Noemí Cortizas estanse a analizar aplicacións dos materiais creados por estas dúas entidades galegas cos sistemas de moldeado que desenvolve Roctool.

Durante os próximos meses intensificarase a organización de novos encontros entre os profesionais do deseño e as empresas para facilitar novos procesos de transferencia de tecnoloxía en materiais.

A Materioteca de Galicia organizou o mes pasado un workshop sobre packaging sustentable. Ademais, a instalación foi promocionada en diversos eventos, como o congreso de materiais MATCOM 19 ou a Semana Internacional Contract Galicia, e colaborou con EEN Galactea na difusión de varias ofertas de búsqueda de socios en Galicia para proxectos sobre materiais.

Materioteca de Galicia, 2020-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES