Notas de prensa

Moncha Fuentes, Satélite Lume-1, Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e 'Fariña', Premios da Crítica Galicia 2019

No Auditorio do centro social Afundación de Vigo deuse a coñecer o ditame da cuadraxésima segunda edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema «Teñamos o valor de darnos o futuro», xuntáronse trescentas persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país. Entre elas atopábanse Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cesáreo Sánchez iglesias , presidente da AELG, entre outras.

Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido pola xornalista Noelia Otero, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo Galicia como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente. Rematou Bieito Ledo o seu discurso apelando ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galicia dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: NÓS. Amigas e amigos: que o canto da rola aloumiñe todos os soños que o noso pobo leva no seu peito e que aínda están por vir».

O mar que nos leva de Moncha Fuentes, Premio de Creación Literaria

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Anxo Angueira Viturro, escritor, presidente da Fundación Rosalía de Castro; Daniel Asorey Vidal, escritor e profesor; Montse Dopico González, xornalista e crítica literaria; María del Mar Fernández Vázquez, profesora da USC e crítica; Chus Pato Díaz, poeta, membro da RAG; Xosé Ponte Far, profesor e crítico; María López Sández, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais) e Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio O mar que nos leva de Moncha Fuentes (Xerais).

En primeiro lugar o xurado salientou de Michigan, acaso Michigan de Antón Reixa, a obra finalista, «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro que mestura as máis altas referencias literarias con elementos da cultura pop procurando as súas raíces e explorando o papel da lingua na memoria; así como a hibridación dun texto que transita entre o lírico e o narrativo, cunha montaxe cinematográfica que confire á escrita unha axilidade envolvente na que o humor e o azar se mesturan coa vida».

A seguir, o xurado salientou da obra gañadora, O mar que nos leva de Moncha Fuentes, «o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa, que bebe da experimentación coa focalización para narrar desde a memoria, decantándose en parágrafos envolventes, co ritmo narrativo dunha maré imparable. Comezando cunha ferida do íntimo, a obra progresa cara ao colectivo e social até converterse na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha abraiante madureza narrativa».

Satélite LUME-1, Premio de Investigación

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Investigación, formado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática do Departamento de Ciencias da Computación da UDC e presidenta da Sociedad Española para a Intelixencia Artificial; Ricardo García Mira, catedrático do Departamento de Psicoloxía da UDC; Águeda Gómez Suárez, profesora do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da UVigo (campus Ourense); Martín López Nores, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; María Loureiro, catedrática do Departamento de Fundamentos de Análise Económica da USC; José Luís Mascareñas Cid, gañador da edición anterior, director do CIQUS, catedrático da USC e Jorge Mira Pérez, que actuou como secretario en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas ao artigo «Botton-up síntesis of multifuctional nanoporous Graphene» de César Moreno, Manuel Vilas-Varela, Bernhard Kretz, Aran Garcia-Lekue, Marius V. Costache, Markos Paradinas, Mirko Panighel, Gustavo Ceballos, Sergio O. Valenzuela Diego, Peña e Aitor Mugarza; ao proxecto Satélite LUME-1 do Equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet; e á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo da que son editores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho (Galaxia). Tras unha densa deliberación acordou outorgar por maioría o premio a Satélite LUME-1.

O xurado salientou, en primeiro lugar, «as enormes dificultades e alto grao de discusión interna motivado pola dificultade para artellar uns criterios comúns para obras de procedencia tan dispar e brillantes nos eidos científico, tecnolóxico e social». «Así, ao longo da súa deliberación, tivemos unha obra que supuxo un cambio de paradigma, unha concepción orixinal e gran rigor no tema tan delicado como é a memoria histórica; un artigo na prestixiosa revista Science, que foi elixido como un dos dez descubrimentos do ano pola Sociedade Americana de Química, e o lanzamento dun satélite que é consecuencia do nacemento da incipiente industria aeroespacial galega».

O xurado acordou conceder o premio a Satélite LUME-1 «por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país coo o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo».

Festival de Poesía do Condado, Premio de Iniciativas Culturais e Científicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, formado por Iván Area Carracedo, profesor do departamento de Matemática Aplicada da UDV en Ourense; Rocío Castro Tarrío, xornalista, xestora cultural; Fran P. Lorenzo, xornalista e escritor; Ana Romaní Blanco, gañadora da edición anterior, xornalista, poeta, membro da RAG; Iria Veiga Ramos, psiquiatra, divulgadora científica; Nel Vidal Barral, profesor e xestor cultural e Alba Nogueira López, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Espazos sonoros, Festival de Poesía do Condado e Semente Escola de Ensino Galego. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por por maioría o premio a Festival de Poesía do Condado.

O xurado salientou da iniciadora gañadora que «é un dos festivais de máis longa traxectoria no noso contexto que fai un traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción na contorna». Saliéntase, tamén, «a súa continuidade, mesmo en condicións moi adversas, así como a remuda xeracional na organización e a súa evolución ampliando focos». O xurado sinalou, tamén, que «é meritoria a atención que desenvolveu arredor das culturas poéticas peninsulares e ter feito do poético un espazo de encontro de xeracións e públicos diversos, así como unha liña de traballo comprometida cos debates sociais e unha posición crítica».

Xan Carballal, Premio de Música

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Música, formado por Olga Alexandrovskaia Trofimova, violinista, profesora Conservatorio de Santiago; Eloi Caldeiro, músico, líder do grupo Brath, promotor cultural; Miro Casabella, cantor; Celia Díaz, xornalista da Radio Galega; Mercedes Peón, gañadora da edición anterior, música; Marcos Seoane, violinista, profesor do Conservatorio de Culleredo e Ernesto Sánchez Pombo, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xan Carballal e á Banda Artística de Merza. Tras a derradeira deliberación acordou outorgar por unanimidade o premio a Xan Carballal.

O xurado salientou «de Xan Carballal unha traxectoria longa e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural, e moitos dos cales están hoxe en importantes formacións».

Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Plásticas, formado por Javier Alonso de la Peña, gañador da edición anterior, arquitecto; Fernando Barreira, pintor; Fátima Otero Bouza, crítica; Ruth Noemí Lodeiro Pérez, escultora; Celso Martínez «Celsius Pictor», deseñador; Rosario Sarmiento Escalona, comisaria e crítica e Xabier Limia de Gardón, que actuou como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Soledad Penalta, Xosé Freixanes e Elena Colmeiro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar maioría o premio a Soledad Penalta Lorenzo.

O xurado salientou de Soledad Penalta «a súa longa traxectoria e coherencia e, ao mesmo tempo, a capacidade de investigación con novos materiais, cos que acada unha linguaxe propia, introducindo dun xeito novidosas caligrafías nunha constante renovación iconográfica e conceptual».

Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Artes Escénicas, formado por María Armesto, directora da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, gañadora da edición anterior; Afonso Becerra de Becerreá, dramaturgo, profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia; Bettina Kohlaas, xornalista, xestora cultural, directora do Teatro Colón da Coruña; Paula Quintas, bailarina e coreógrafa, integrante do Equipo de Corpo(a)Terra, Festival de Danza de crúa de Ourense; Neves Rodríguez, actriz e comunicadora TVG; Vanesa Sotelo, xornalista, directora de escena, directora da revista Erréguete e Paula Cabaleiro, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Matarile Teatro (Ana Vallés e Baltasar Patiño), Rut Balbís e Pistacatro por Arnoia. Arnoia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Rut Balbís.

O xurado salientou de Rut Balbís «o seu impecable e incansable traballo como bailarina e coreógrafa, pero tamén polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, en por crear tecido, redes e espazos para achegara a danza a todos os públicos, como é o proxecto RPM que impulsou xunto a outras persoas. Destacamos tres palabras de Rut Balbís; TALENTO, RESISTENCIA e XENEROSIDADE».

A Fariña (serie), Premio de Cine e Artes Audiovisuais

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cine e Artes Audiovisuais, formado por Alba Aguiar, directora de Arte, vestuarista; Miguel Canalejo, actor e guionista; Ãngel de la Cruz, director, guionista, produtor e profesor; Ãlvaro Gago, director de Matria, gañador da edición anterior; Chelo Loureiro, produtora, fundadora de Abano de Producións; Olga Osorio, directora e profesora da EIS da Coruña e Mariana Fernández Carballal, secretaría, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Catoira Pan, Fariña (serie) e Bambú producciones. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Fariña (serie).

O xurado salientou que «ademais da evidente calidade das produción e realización e dos traballos dos seus equipos técnico e artístico, polo considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para TV, abrindo un sólido camiño para as persoas profesionais, produtoras e historias propias».

Lucía Freitas, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da XLII edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Cultura Gastronómica, formado por Carmen Albo, responsable do blog «Guisándome la vida»; Luis Cividanes González, responsable de comunicación de Trevisani; Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA, gañadora da edición anterior; Héctor López, cociñeiro do restaurante España, membro do Grupo Nove; Alejandro Paadín, sumiller; Beatriz Sotelo, cociñeira do restaurante A estación de Cambre e Inma López Silva, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Lucía Freitas do restaurante A Tafona, Tardes do Atlántico de Martin Códax, Centro Integrado de FP de Lamas Abade. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Lucía Freitas.

O xurado salientou de Lucía Freitas «o seu papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.» «O xurado destaca a súa evolución como cociñeira nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin. Lucía Freitas salienta ademais como exemplo de empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posible ser muller, empresaria e creadora de excelencia no noso sector gastronómico».

Afundación, 2019-11-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES