Notas de prensa

Medio Ambiente declarará a emerxencia cinexética temporal en catro áreas que agrupan a máis dunha trintena de concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda declarará a emerxencia cinexética temporal en catro áreas galegas que agrupan máis dunha trintena de concellos galegos. Esta medida abarca a 33 municipios, 76 tecores (terreos cinexéticamente ordenados) e 10 zonas libres, é dicir, case un 42% da superficie de Galicia, que representa un total de 481.170 ha., concretamente nas comarcas de Betanzos- Eume, Terra Chá, Viana e Deza.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, sinalou que se trata dunha decisión que adopta o Goberno galego tras constatar a existencia de danos ocasionados á agricultura, coa que se permite abater ou capturar exemplares de xabaril sen límites de cupo de ambos sexos, durante o período hábil de caza, que abranguerá ata o 29 de febreiro de 2020.

Belén do Campo sinalou que o Decreto 284/2001, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Caza de Galicia, prevé que cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética que resulte perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería, os montes ou a propia caza, poderá declararse como zona de emerxencia cinexética temporal, e determinarse as épocas e medidas conducentes a eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións.

Do Campo aclarou que, dada a situación actual, e co fin de incrementar a efectividade no control sobre as poboacións do xabaril outra das medidas previstas pola Xunta será a modificación da normativa actual (Lei de caza), de xeito que se poda autorizar a caza mediante outras modalidades que se adoitan a empregar na caza menor, como a caza “en man” ou “ao salto”; ao tempo que tamén se modifica a Resolución Anual de Vedas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia do vindeiro día 2 de outubro, co obxectivo de que en todos os concellos da Comunidade as autorizacións de caza por danos se realicen de xeito inmediato e así dar unha solución á situación que está a provocar esta especie, cada vez máis habitual nas zonas periurbanas.

Belén do Campo explicou que a Xunta toma esta decisión tendo en conta os datos que reflicten unha sobrepresenza de xabaril na Comunidade, pois ata a data se teñen comunicados 3.907 avisos (a través do 112) por danos de xabaril, se abateron 16.108 exemplares (dentro da tempada hábil e derivadas de accións por danos), se autorizaron 31.724 cacerías e provocaron 1.805 accidentes de tráfico, segundo as cifras reportadas pola Dirección Xeral de Tráfico a principios de setembro.

Medidas nas áreas de emerxencia cinexética

Así, a directora xeral explicou que nos terreos cinexéticos permitirase a caza durante todos os días da semana, salvo nas zonas libres nas que se especifican certas salvedades no relativo aos días permitidos: así no período que abrangue ata o 6 de xaneiro de 2020, poderán realizarse cazarías de xabaril o luns, martes, mércores, venres e sábados, sempre que non sexan festivos; e desde o 7 de xaneiro ao 29 de febreiro de 2020, ambos incluídos, poderán efectuarse cacerías os luns, martes, mércores e venres, sempre que non sexan festivos.

En ambos casos deberán realizar unha comunicación previa á correspondente Xefatura Territorial cunha antelación mínima de 10 días naturais. Asemade, os tecores só deberán comunicar as cacerías correspondentes a aquelas xornadas que non estean aprobadas no seu plan anual de aproveitamento da tempada 2019/2020.

Tamén se autorizan medidas de agarda ou espera, de xeito que se poderán agrupar varias xornadas nunha soa comunicación. De xeito excepcional, poderase empregar un visor convencional óptico de aumento durante as prácticas nocturnas e fontes luminosas para a iluminación dos albos ou pezas de caza. Outras das medidas que se habilita con esta situación é que se autoriza aos propietarios dos terreos afectados a realizar, persoalmente ou mediante terceiros, agardas ou esperas, con autorización do titular do aproveitamento cinexético; e se permitirá a captura de exemplares mediante o emprego de gaiolas.

Esta medida tamén será autorizada para os terreos non cinexéticos e, no caso de que non sexan efectivas, permitiranse esperas, previa solicitude do interesado e sempre que se acredite a existencia de danos.

En todos os casos, os exemplares capturados mediante a aplicación destas medidas nas áreas de emerxencia cinexética temporal deberán identificarse mediante precintos e comunicarse á correspondente Xefatura Territorial no prazo de 15 días.

Implicación das administracións

A directora xeral destacou unha vez máis a necesidade de que os concellos e as deputacións provinciais se impliquen nas medidas informativas e preventivas de xestión da biomasa forestal e de control das zona de maleza, unha colaboración que recordaremos novamente a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), reiterou a directora.

Lembrou que as zonas de maleza incontroladas son idóneas para a cría e o asentamento dos xabarís, pois atopan refuxio e, en ocasións, están moi preto de zonas de produción agrícola ou urbanas o que propicia a súa incursión na procura de alimento.

A directora xeral reiterou unha vez máis a necesidade de que o Goberno do Estado poña en marcha canto antes a Comisión de seguimento do xabaril, xa que non é unha situación que afecte exclusivamente a Galicia, co fin de facer un seguimento continuado e fixar uns criterios uniformes e claros para a elaboración dun estudo poboacional e establecer medidas conxuntas e globais que palien a presenza desta especie.

Por último, recordou que o impulso a esta Comisión xa foi solicitado pola conselleira de Medio Ambiente a través dunha carta dirixida á ministra de Transición Ecolóxica, e engadiu que tamén se lle trasladou a necesidade de habilitar fondos para facer fronte a posibles casos de peste porcina africana -que xa se teñen detectado en Europa-, ao tempo que de darse o caso de constatar a presenza de exemplares afectados pola peste porcina africana, solicitaríase a colaboración do Exército que- xunto coa Federación Galega de Caza- poderán formar grupos de cazadores especializados para levar a cabo medidas preventivas e de control da poboación do xabaril.

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, 2019-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES