Notas de prensa

Os II Premios Economía Azul incorporan unha nova categoría para premiar a economía circular no litoral

Foi presentada a segunda edición dos premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. A diferencia da edición anterior, esta inclúe unha nova categoría para premiar a economía circular nas zonas costeiras, que se suma ás de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación e innovación local.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presentou hoxe no peirao de Vilaxoán, en Vilagarcía, a segunda edición dos premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. Alí Susana Rodríguez destacou que a diferencia da edición anterior, do ano 2017, esta inclúe unha nova categoría para premiar a economía circular nas zonas costeiras.

Esta categoría, engadiu a directora xeral, súmase ás de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación e innovación local e en cada unha delas premiarase un proxecto. Para a elección dos proxectos gañadores, explicou, haberá unha votación pública na que, a partir do 1 de outubro, poderá participar a xente que o desexe a través da páxina web https://galp.xunta.gal/. Cada persoa poderá votar a un proxecto dos finalistas en cada unha das cinco categorías ata o 20 de outubro e en cada categoría premiarase o proxecto que reciba máis votos. Os proxectos premiados anunciaranse o 25 de outubro, nunha gala que se celebrará na Cidade da Cultura en Santiago.

Susana Rodríguez expuxo que os recoñecementos van dirixidos ás entidades e persoas promotoras de proxectos subvencionados ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo dos GALP. Ademais sinalou que, a través deles, a Consellería do Mar busca visibilizar o traballo destes grupos nas zonas pesqueiras e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos. Nesta liña puxo como exemplo a edición anterior deste certame bienal na que Arousa foi o territorio que acadou máis recoñecementos, con tres proxectos premiados dun total de catro categorías convocadas.

En relación ao procedemento de selección das iniciativas gañadoras e as categorías, a directora xeral trasladou que na categoría nova deste ano teranse en conta ideas innovadoras que apoien a economía circular relacionada co sector pesqueiro. En particular proxectos que teñan entre os seus fins a reutilización, reparación e reciclaxe de materiais empregados nas actividades do sector pesqueiro e o deseño de produtos que empreguen materiais que minimicen os residuos e que engadan valor a subprodutos da pesca, entre outros.

A categoría de apoio á pesca costeira artesanal, incluído o marisqueo a pé, contempla aqueles proxectos que aborden, entre outros aspectos, novas canles de comercialización, o aumento do valor dos produtos pesqueiros, a revalorización das especies menos coñecidas, a oferta de produtos de proximidade e tamén solucións para promover o uso dos descartes. Na área de creación de emprego valóranse aqueles proxectos que estimulen a economía das zonas pesqueiras, reforcen o seu atractivo desenvolvendo servizos de alta calidade, capaciten ás persoas e promovan o emprendemento no sector pesqueiro ou marítimo.

Na categoría de diversificación avalíanse novas actividades no sector pesqueiro e marítimo, a ligazón do turismo e a pesca, diversificación pesqueira cara o turismo pesqueiro, e o fomento e aproveitamento do patrimonio cultural vencellado ao mar. Por último, na de innovación local considéranse as iniciativas que redunden en novas ideas na zona e novas formas de pensar e de facer. A innovación pode referirse a novos mercados, produtos, servizos, métodos de organización e a innovación social.

Finalistas

Susana Rodríguez tamén explicou que os proxectos finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que escolleu tres proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP.

Ademais expuxo que os criterios desta selección están determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro. É dicir, pola súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras, ao reforzo da identidade, á cultura e ao patrimonio local da zona pesqueira. Tamén polos elementos innovadores no contexto local e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo.

Os proxectos finalistas desta segunda edición son:

Ao premio para o mellor proxecto de Apoio á pesca costeira artesanal

1/ ‘Do mar á mesa: Depuración e punto de venda’. Confraría de Pescadores de Cedeira. (GALP A Mariña – Ortegal).

2/ ‘Comercialización sustentable mediante a mellora da xestión da trazabilidade’. Confraría de Pescadores de Noia. (GALP Costa Sostible).

3/ ‘Deseño e desenvolvemento dun protocolo de coxestión entre as confrarías de Muros e Noia para a mellora de aproveitamento dos recursos marisqueiros’. (GALP Costa Sostible).

Ao premio para o mellor proxecto de creación de emprego:

1/ ‘Centro de Elaboración e Transformación de productos do mar.’ Mariscos Antón Fernández, S.L. (GALP Costa Sostible).

2/ ‘Ampliación de Local e Mellora dos Medios Técnicos’. Nordés Velería S.L. (GALP Ría de Pontevedra).

3/ ‘Albergue Estela do Mar’. Estela do Mar Sociedade Cooperativa Galega. (GALP Ría de Vigo-A Guarda).

Ao Premio para o mellor proxecto de diversificación

1/ ‘Obras de Restauración do Dique da Cabana e a súa contorna’. Concello de Ferrol. (GALP Golfo Ártabro Norte).

2/ ‘Mar da Morosa Artesáns do Peixe’. Javier Beiro Rebollido. (GALP Costa Sostible).

3/ ‘A Guarda, Mar de Sal: Posta en valor das salinas romanas do Seixal e Camposancos como recurso patrimonial e turístico’. Concello de A Guarda. (GALP Ría de Vigo-A Guarda).

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Innovación local

1/ ‘Augas Santas cervexa artesá da Mariña’. Mª Jimena Iriarte Moreno. (GALP A Mariña-Ortegal).

2/ ‘Planta de produción de aceite de microalgas’. CARBIOTECH S.L.U. (GALP Costa da Morte).

3/ ‘Mellora económica e diversificación e innovación en produtos da pesca local para interese colectivo’. Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados. (GALP Ría de Arousa).

Ao Premio para o Mellor Proxecto de Economía Circular

1/ ‘Persoas Diversas + Confrarías = Economía Circular’. ASPABER (Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños). (GALP Costa da Morte).

2/ ‘Taller de Sensibilización Medioambiental da Costa da Morte’. Asociación de Redeiras Artesás Illa da Estrela. (GALP Costa da Morte).

3/ ‘Produción de Mallas Protectoras biodegradables para o cultivo de mexillón’. Ecoplas Barbanza S.L. (GALP Ría de Arousa).

Premios Economía Azul, 2019-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES