Un xurado composto por Montse Pena Presas, Antonio Manuel Fraga, Xosé Cobas e a gañadora e finalista da edición anterior, An Alfaya e Xosé de Cea, presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto coa xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu por unanimidade a novela do escritor Valentín Alvite Gándara como gañadora do XIII premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña. O premio está dotado con 6.500 euros.
"Antía e Daren e os pequenos detectives" é, segundo o xurado, "unha novela de misterio presidida polo humor". Destaca no seu fallo a "orixinalidade da historia que sae das liñas habituais da literatura infantil máis recente". Valora tamén na obra de Alvite a súa "retranca e desbordante humor" cun "léxico moi coidado e unha prosa moi áxil".
Pola calidade da obra, o xurado decidiu tamén declarar finalista a novela da escritora María López Sandez titulada "A noite da deusa" da que destaca o seu "moi coidado estilo nunha obra que elabora unha xenealoxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo".
O gañador Valentín Alvite Gándara (Cures-Cereixo-Vimianzo, 1959) é Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa. O humor preside a súa traxectoria literaria na que, con anterioridade gañou en 2005 gañou o III Certame de Microrrelatos Lonxa Literaria (Moaña) con Batea e no 2009 o VIII Certame Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos (Noia) polo relato O hotel. No 2011 foi finalista do premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. A súa primeira obra publicada foi Don Nuno e outros relatos humorísticos, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e no 2017 saiu do prelo o libro Relatos para sorrir, as dúas publicadas en autoedición.
A finalista María López Sandez é licenciada en Filoloxía Hispánica, Inglesa e Galego-Portuguesa e profesora da Universidade de Santiago de Compostela. É autora do ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (2008), gañadora do Premio de Ensaio Ramón Piñeiro e en narrativa A forma das nubes e O faro escuro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.