
Os detalles destas xornadas centrais do FICRURAL foron presentados en rolda de prensa polo concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e polo director do evento, Aser Álvarez. Uniuse a eles na comparecencia Kevin Weatherill, líder de Inmaculate Fools, mítica banda británica que volve aos escenarios para presentar o seu novo disco.
No marco desta edición do FICRURAL vai haber unha exposición sobre o artista galego Yoseba MP e o seu singular proxecto creativo Fenómenos do rural, centrado en mulleres que habitan no rural galego. Ao longo de todo o evento, este prestixioso artista multidisciplinar vai pintar en directo un mural no lugar onde se van desenvolver todas as actividades de FICRURAL, na Fundación Laboral da Construción. Rematado o mural, darase a coñecer a muller protagonista do lenzo.
Festival Internacional de Cine Rural de Galicia
O FICRURAL está espallado este ano a todo o rural de Compostela, a través de programación nos seu centros socioculturais, onde se fará o visionado e posterior votación dos filmes finalistas (10 de entre mais de 200 presentadas dende diferentes paÍses) polos asistentes. Todos os actos deste Foro son de balde, coa vontade de ser punto de encontro para a cidadanía en xeral e para os profesionais do sector audiovisual, un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural.
Ademais de nos CSC, dentro do mesmo Foro desenvolverase a elección do filme gañador dos 10 finalistas do V Festival Internacional de Cinema Rural de Galicia. Haberá proxeccións continuas durante o xoves, venres e sábado dos dez filmes finalistas, 5 categoría ficción e 5 de documental, momentos durante o cal os asistentes poderán votar polo seu filme preferido e así ser partícipes da elección do gañador/a. O sábado pola tarde será a presentación oficial e, ás 19:30 horas, a cerimonia de entrega de galardóns.
Concertos
Venres e sábado pola noite, a festa poñerana grupos musicais con moito que dicir do rural galego. Uns por raíces, outros por chegar e non marchar, pero dende logo Immaculate Fools, Broke Lord, Mounqup ou Deteriorados ofrecerán os seus mellores espectáculos nun evento que comezou o pasado domingo cun acto inaugural cheo de emoción e sentimento, ao realizarse un repenique das campás das igrexas de Compostela.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.