Notas de prensa

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo presenta 'Espazo en Espera'

A partir do xoves 19 de setembro, e durante catro días consecutivos, os espazos do primeiro andar do MARCO ábrense a unha experiencia escénica e participativa, a través dunha proposta dirixida por A Artística (Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez), coa colaboración de dez artistas convidados. ESPAZO EN ESPERA é o título dun proxecto que reúne varias disciplinas artísticas. A proposta procura a participación do público, considerando o Museo como lugar de intervención cidadá e de encontro, alén da súa visión como espazo expositivo.

Nesta proposta colectiva, o obxectivo é reflexionar sobre o propio lugar, converter as salas en lugares de acumulación de experiencias, nun “espazo en espera”, a través de distintas accións, performances e intervencións baseadas na imaxe, no son, no movemento e na palabra.

Doce artistas de linguaxes diferentes —audiovisual, musical, plástico, téxtil, escénico, literario— ofrecerán claves e acompañarán aos visitantes/participantes a construír unha persoal e nova visión dese espazo.

“SE AS PAREDES FALASEN’ / ‘SE FALAN, TAMÉN ESCOITAN”

Durante as accións formularanse preguntas, pensando neses espazos baleiros que se ocupan. As intervencións funcionarán en continuidade, e queda aberta a posibilidade de que as pegadas e materiais que se poidan ir xerando se utilicen nas seguintes sesións, como acumulación das experiencias e visións das persoas participantes.

O MARCO será falado, pintado, visionado, musicado, interpretado, danzado e vestido coas accións dos artistas e de todas as persoas que queiran participar. O xoves, Laura Iturralde, Avelina Pérez e Mónica de Nut irrompen en escena con Belial. Desobediencia e vandalismo. Ao día seguinte, Silvia Penas, Xavier Bértolo e Diego Buceta ofrecerán a súa propia visión do espazo como forma de espera, mediante experiencias centradas na percepción sonora e visual.

O sábado, Alfredo Rodríguez, Ailén Kendelman, Miriam Rodríguez e Olga Cameselle introducen a idea de xogo, creando un bucle de palabras, sons e movementos. Pecharase o programa cunha sesión matinal o domingo, a cargo de La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil), e o seu obradoiro nómade centrado na costura e o material téxtil.

XOVES 19 setembro
De 18.00 a 21.00
BELIAL. Desobediencia e vandalismo

Somos quen de sosternos nun espazo baleiro? Cómpre dotalo dun significado? Procuramos no espazo o sentido que el nos ofrece? Ou, como humanas, intervimos constantemente? Somos quen de aturar a quietude? Sempre temos algo que dicir ou que facer?
Quizais —especialmente nestes momentos sociais— non somos quen de parar quietas, empeñadas en deixar pegadas, en estampar selos, en pensar e crer que temos algo do noso máis importante có silencio.
Sería boa cousa deixar descansar un espazo?
Nós non imos facer iso, non.
Laura Iturralde, Avelina Pérez, Mónica de Nut

VENRES 20 setembro
De 18.00 a 21.00
EPOCHÉ DO FUTURO

Partindo das funcións que albergou a arquitectura deste edificio (xulgado, cárcere e museo), como lugar con todo o seu peso histórico, local, identitario, cultural e simbólico fronte aos non-lugares posmodernos, Epoché do futuro pretende crear un novo lugar que non espera, senón que é a propia espera, a experimentación da espera.

Formulamos diversas formas de espera —nun xulgado, nun cárcere e nun museo— levadas a unha experiencia poética e perceptiva, que permita atravesalas, antes que interpretalas. De aí o termo epoché (“suspender o xuízo”), usado no sentido fenomenolóxico de Husserl: a proposta é a acción artística como vivencia, recollendo a idea de existir no espazo. Trátase de “suspender” a realidade para analizala dende un punto de vista que non xulga, que está libre dos modos cotiáns de decodificación, onde interveñen os sentidos e as emocións a través da percepción (sonora, visual, etc.), onde a imaxe poética da espera se proxecta inevitablemente cara ao futuro, e crea resonancias para re-orixinar o lugar e transformalo.

Nunha sociedade que parece vivir nun presente eterno e nun espazo fragmentado, imaxinamos un espazo continuo de experiencias e un tempo delimitado inscrito no devir: recollemos o pasado e o rastro do día anterior para o que se tecerá despois no futuro.
Silvia Penas, Xavier Bértolo, Diego Buceta

SÃBADO 21 setembro
De 18.00 a 21.00
Se o espazo entra en apnea, nós xogamos azarosamente como elementos de inhalación-exhalación

Esperar non é outra cousa que unha apnea no tempo.
Inhalar ou ver, percibir, recibir, incorporarÂ…
Exhalar ou ser visto, soltar, facer, invadirÂ…

O espazo como un contedor en suspensión no que se suceden accións referidas á memoria (ou non), en fractal respiración, que se repregan unha e outra vez sobre si mesmas, e que se conectan con todo elemento que alí acontece unha e outra vez, nun xogo azaroso ou tempo subxuntivo.

O presente suspéndese nunha acción auto-replicada, imperfecta. Como no dito popular, “o mañá aínda non o viu ninguén”. O que toca agora é mergullarse no xogo azaroso que ofrecen as múltiples posibilidades de acción co público participante, entre quen propón e quen é proposto. O discurso fica encapsulado na propia apnea, e a respiración continuará e sucederase inevitablemente, aínda que non teñamos a certeza da súa forma.
Alfredo Rodríguez, Ailén Kedelman, Miriam Rodríguez, Olga Cameselle

DOMINGO 22 setembro
De 12.00 a 14.00
Vísteme a modo que teño présa

Imos ocupar o espazo do MARCO cun taller nómade e efémero. Levaremos as nosas máquinas de coser e útiles de costura. Utilizaremos materiais de refugallo que permanecen no almacén do Museo.

“Vísteme a modo que teño présa” é unha frase do refraneiro paterno. Baldomero legounos que paga a pena —e as alegrías— facer as cousas ben e con cariño, reflexionando.

As artistas xa traen respostas, e ás persoas que nos acompañen nesta experiencia farémoslles unha pregunta: con que encherías este baleiro?

Pasaremos dúas horas de vermú cosendo as palabras das artistas e das persoas que teñan a ben colaborar. Ao rematar quedará a pegada das súas reflexións en formato palabra. O que se faga con elas non é a nosa responsabilidade, ou si…?
La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil)




Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2019-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Ãñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES