Notas de prensa

O Camiño de Santiago será un espazo cardioprotexido coa incorporación de desfibriladores semiautomáticos externos nos 70 albergues públicos

Con esta iniciativa increméntase o número de DESA situados en espazos públicos que poden ser utilizados por aqueles que asistan nun primeiro momento a persoas que sofran un episodio cardíaco revertible tras a aplicación dun desfibrilador semiautomático externo. Actualmente, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con máis de 1.430 DESA en espazos públicos.

A Xunta de Galicia está a converter o Camiño de Santiago en espazo cardioprotexido coa incorporación de desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade Autónoma. Así, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron hoxe un acordo de colaboración entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Axencia Turismo de Galicia para a instalación de DESA e a formación do persoal dos albergues públicos, na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago. Ao acto tamén asistiu o director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Jose Flores Arias.

A través deste acordo de colaboración trátase de mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o percorrido do Camiño de Santiago polo territorio galego, especialmente nas rutas máis transitadas, que puideran necesitar a aplicación dun desfibrilador semiautomático externo no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria.

A conversión do Camiño de Santiago nun espazo cardioprotexido constitúe unha iniciativa pioneira en todo o territorio nacional e consigue implementar as recomendacións, das principais sociedades científicas e guías internacionais de atención ás emerxencias, que certifican que a aplicación temperá dos DESA constitúe unha das estratexias máis efectivas para mellorar o prognóstico da morte súbita. Inicialmente, este acordo de colaboración ten unha vixencia de catro anos, prorrogable por outros catro.

Iniciativa pioneira nacional

Ademais, con esta iniciativa increméntase o número de DESA situados en espazos públicos que poden ser utilizados por aqueles que asistan nun primeiro momento a persoas que sofran un episodio cardíaco revertible tras a aplicación dun desfibrilador semiautomático externo. Actualmente, a Comunidade Autónoma de Galicia conta con máis de 1.430 DESA en espazos públicos preparados para o seu uso inmediato no caso de necesidade.

à instalación dos DESA nos albergues súmase a formación do persoal que traballa neles, de xeito que estes aparellos podan ser utilizados por persoal que dispoña de coñecementos actualizados no uso de desfibriladores semiautomáticos externos e na prestación de primeiros auxilios. A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como organismo responsable do Rexistro de DESA en Galicia e de labores formativas sobre o seu uso, encargarase da formación de preto de 150 traballadores dos albergues.

Recreación dunha asistencia

Tras a sinatura do acordo de colaboración entre as consellerías de Sanidade e Cultura e Turismo, tivo lugar un simulacro no que se recreou a asistencia, a unha persoa que sofre unha parada cardiorrespiratoria, realizada por unha testemuña que utiliza un desfibrilador semiautomático externo, mentres unha unidade de soporte vital avanzado do 061 de Galicia estase a desprazar ao punto.

A concienciación na sociedade da importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita, así como das técnicas para a reanimación cardiopulmonar básica, resulta fundamental, xa que a RCP por testemuña duplica as posibilidades de supervivencia da vítima, como amosan os datos da análise das máis de 750 intervencións que cada ano atende Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

As enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes actualmente en Galicia. A causa máis frecuente da parada cardiorrespiratoria nas persoas adultas é a síndrome coronaria aguda e, dentro desta, a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, que teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións, a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos resulta imprescindible para abordar con éxito as manobras de reanimación.

Plan estratéxico do Xacobeo 2021

Esta folla de ruta busca que a cidadanía galega se implique e adquira protagonismo, que participe activamente a través do impulso de iniciativas propias e por iso, o Plan conta con achegas de máis de 600 persoas, entidades, organizacións políticas e peregrinos que farán que Galicia mostre no Xacobeo 2021 todo o seu potencial e todas as súas capacidades no eido cultural, turístico e relixioso, pero tamén no económico e social.

Cómpre destacar que o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 contempla, entre outras actuacións, un Plan de reforma e ampliación da rede de albergues e xa se está a traballar para que estes establecementos estean nas mellores condicións para o vindeiro Ano Santo.

Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia, 2019-07-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES