Notas de prensa

Sanidade comeza a administrar ás nenas galegas de 12 anos a nova vacina contra o virus do papiloma humano

Sanidade comezará a administrar a nova vacina nonavalente contra o virus do papiloma humano (VPH) ás nenas galegas de 12 anos a partir de mañá, luns, 22 de xullo. Esta nova vacina substitúe no calendario infantil á vacina bivalente que se está a administrar na actualidade, xa que aporta un 10% máis de prevención de casos de cancro, ao protexer de forma directa fronte a 7 xenotipos oncoxénicos, e ademais protexe das verrugas xenitais.

Deste xeito, e segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, as nenas que cumpran 12 anos, e que aínda non tiveran iniciada a vacinación fronte ao VPH, recibirán dúas doses da nova vacina nonavalente, cun intervalo mínimo entre ambas de cinco meses. Se a pauta se inicia nas maiores de 14 anos, as doses a recibir serán tres.

En pautas xa iniciadas, o departamento sanitario recomenda finalizar a vacinación coa mesma vacina, sempre que sexa posible. En caso contrario, administrarase a vacina nonavalente para finalizar o réxime de vacinación incompleto, seguindo as pautas marcadas en cada caso por Sanidade.

Ademais, seguindo as recomendacións de vacinación de grupos de risco de todas as idades, o departamento sanitario autonómico que dirixe Jesús Vázquez Almuiña, amplía ata os 45 anos a indicación da vacina nonavalente fronte ao VPH nas persoas con VIH, en homes que teñen sexo con homes, en persoas en situación de prostitución e en mulleres con transplantes de órgano sólido (TOS) ou de proxenitores hematopoéticos (TPH). Tamén se recomenda a administración da vacina en mulleres, de calquera idade, con tratamento excisional de cérvix. En todos estes casos, a pauta de vacinación será de 3 doses, independentemente da idade.

As vacinas deberán solicitarse seguindo o procedemento habitual e axustándose ás necesidades da poboación de 12 anos usuaria do punto de vacinación e á demanda para a poboación en risco desta enfermidade.

A vacinación fronte ao VPH entrou a formar parte do calendario do Programa Galego de Vacinación en setembro de 2008, para todas as rapazas nadas a partir do 1 de xaneiro de 1994. Esta vacinación vaise adaptando ás novidades técnicas e loxísticas que van xurdindo, así como á pauta e a idade de administración.

Subliñar que o virus do papiloma humano é o responsable do 5% dos casos de cancro, principalmente do cancro cervical, pero tamén doutros como o de vulva, vaxina, pene, ano e orofarinxe, de aí a importancia da súa prevención.

Consellería de Sanidade, 2019-07-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES