
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o papel do programa Voluntariado Miúdo para impulsar a educación en valores das pequenas e pequenos. Fíxoo no encontro que reuniu a máis de 200 participantes desta iniciativa e que tivo lugar no Parque do Lago da Cidade da Cultura.
Fabiola García agradeceu tanto ao alumnado como ao profesorado o seu esforzo por poñer en marcha diferentes accións de voluntariado durante este curso, que reforzan o carácter solidario de Galicia e que impulsan nos cativos e cativas valores como o traballo en equipo, o respecto pola natureza e o patrimonio ou o altruísmo.
Nesta edición máis de 1320 alumnos e alumnas de 12 centros diferentes puxeron en marcha iniciativas. Entre elas, destacan algunhas como un proxecto de patios inclusivos, que busca eliminar as dificultades que se poidan encontrar as nenas e nenos con discapacidade; un obradoiro para aprender a técnica da reanimación cardiopulmonar (RCP) na aula e actividades que fomentan os xogos tradicionais e defenden o coidado e respecto polos animais.
A conselleira salientou que Galicia é unha das comunidades de referencia no ámbito do voluntariado, posto que na actualidade máis de 8000 persoas son voluntarias e, ademais, subliñou que é unha das pioneiras en recoñecer oficialmente esta experiencia cun certificado que é válido na Unión Europea.
Así mesmo, recordou que a participación en accións voluntarias en Galicia non ten idade, xa que abrangue todas as franxas, desde os máis maiores ata os máis pequenos, un feito que enriquece a sociedade galega. Por iso, garantiu o apoio da Xunta de Galicia a programas como Voluntariado Miúdo que consolidan a solidariedade e a hospitalidade como dúas das características que mellor definen á comunidade.
Cultura solidaria
O programa Voluntariado Miúdo pretende promover os valores da cultura solidaria e a adquisición de diversas competencias fundamentais para o alumnado, a través da acción voluntaria cun impacto directo no seu entorno. Desde que esta iniciativa se puxo en marcha, en 2015, ao abeiro do Plan Proxecta, aumentou considerablemente os seus participantes.
Ademais, neste tempo, incluíu temáticas moi diversas que van desde a protección ambiental e animal, a igualdade e a coeducación, a diversidade, actividades interxeracionais, culturais e de recuperación de xogos tradicionais.
Centros participantes
Os centros participantes nesta edición foron: o CEIP Emilia Pardo Bazán e o CEIP Juan Fernández Latorre, ambos da Coruña; o Centro Rural Agrupado de Ribadumia; o CEIP Plurilingüe San Marcos, de Abegondo; o CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense; o CEIP Plurilingüe Os Casais, de Fene; o CPI Plurilingüe Laureano Prieto, de A Gudiña; o CPR Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero; o CPR Plurilingüe Padres Somancos, de A Guarda; o CEIP San Tomé, de Cambados; o CPR Plurilingüe Landro-Viveiro e o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, de Oleiros.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.