
Claudio Rodríguez Fer é autor de máis de medio cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Cultivou a temática erótica dende o seu primeiro poemario (Poemas de amor sen morte, 1979) ata o último (A muller sinfonía, 2018), pasando por Tigres de ternura (1981, Premio da Crítica Española). Reuniu a súa poesía en Amores e clamores (2011) e a súa narrativa en Contos e descontos (2011). Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética na Universidade de Santiago de Compostela e foi profesor universitario en Nova York (onde escribiu parte de A unha muller descoñecida), París (onde escribiu parte de Viaxes a ti) e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa e publicou en bretón Moito máis de mil anos). A súa poesía está traducida a decenas de idiomas.
Uma temporada no paraíso presentarase na Librería Biblos de Lugo (Rúa Salvador de Madariaga, 1), onde abrirá o acto o libreiro Julián García, ex-alumno do poeta. Este novo volume de poesía traducida ao portugués publicado pola brasileira Editora Valer sucede a Não amanhece o cantor, de José Ángel Valente, anteriormente editado, traducido e prologado tamén polo poeta Saturnino Valladares, profesor da Universidade Federal do Amazonas e doutorado cunha tese sobre Valente dirixida por Claudio Rodríguez Fer.
Segundo o tradutor: Com este livro, a editora Valer introduz, no Brasil, a obra e a personalidade de um dos intelectuais mais transcendentes do rico panorama artístico-literário espanhol, que, como um de seus traços mais caracterizadores, desenvolve sua obra literária em língua galega e que, com a irrupção de sua poesia de signo erótico, renovou a estética da literatura galega.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.