Notas de prensa

O Congreso Internacional de Fútbol, Fútbol Sala e Psicoloxía alcanza a súa terceira edición como unha oferta formativa única a nivel internacional

O Congreso internacional de Fútbol, fútbol sala e psicoloxía alcanza a súa terceira edición achegando á sociedade unha plataforma, ata o de agora inexistente, de transferencia directa de coñecemento da universidade á contorna do fútbol e o fútbol sala. Na Facultade de Psicoloxía, sede do encontro, o congreso desenvolverase os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño en xornada intensivas de 9.00 a 21.00 horas.

O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira gráfica polos participantes.

Trátase dun proxecto “pioneiro e orixinal, creado e deseñado integramente en Galicia, que constitúe unha oferta de formación única a nivel internacional, sen antecedentes noutros países nin comunidades”, explicou o profesor e presidente do Comité organizador Constantino Arce este xoves no transcurso da rolda de prensa na que se presentou o evento e na que tamén interviñeron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto Perille; e o subdirector xeral de Plans e Programas da Secretaría xeral para o Deporte, Jorge Rubén Sampedro.

O congreso organízano de maneira conxunta e coordinada a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia (SXD), e conta coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF). Está dirixido a adestradores/as, futbolistas, profesionais da arbitraxe, dirixentes deportivos, proxenitores e todo tipo de profesionais e persoal voluntario do ámbito do fútbol e do fútbol sala.

Está confirmada xa a participación de relatores de 33 universidades e 57 clubes ou entidades deportivas procedentes de oitos países: tres europeos, España, Portugal e Reino Unido; e outros cinco americanos, Arxentina, México, Colombia, Brasil e Estados Unidos. Haberá unha destacada representación das tres universidades galegas e dos clubs da comunidade autónoma máis emblemáticos, como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo ou a Sociedade Deportiva Compostela, no caso do fútbol, e O Parrulo, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar ou o Ourense Envialia, no caso de fútbol sala. Tamén está prevista unha representación de numerosos clubs e entidades deportivas de LaLiga como Sevilla FC, Villareal FC, Levante UD, Real Valladolid CF, Puebla de México, Club Atlético Rosario Central de Arxentina, ademais de técnicos deportivos que formaron ou forman parte das seleccións nacionais de fútbol sala de España, Libia e Vietnam.

Celebraranse mesas e talleres sobre técnicas de potenciación dos múltiples factores psicolóxicos facilitadores do rendemento deportivo (concentración, activación, motivación, confianza, estados de ánimo, adestramento mental, liderado ou cohesión, entre outros), e de técnicas de autocontrol emocional e afrontamento do estres e a ansiedade competitiva, de especial interese para adestradores, futbolistas e árbitros. Tamén están previstas sesións sobre temas de actualidade e responsabilidade social e política: o rol dos pais e as nais no deporte infantil e xuvenil; o fútbol feminino; o fútbol adaptado; a prevención da violencia nestas modalidade deportivas; ou as liñas estratéxicas para o deporte galego, entre outros.

Congreso Internacional de Fútbol, Fútbol Sala e Psicoloxía, 2019-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-11.jpg) A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social, destacando que Galicia alcanza por segundo mes consecutivo o máximo histórico de afiliacións, con 1.135.950 cotizantes. Ao mesmo tempo, a Comunidade rexistra o menor número de persoas desempregadas nun mes de xullo de toda a serie, con 107.322 persoas paradas. No referido ás afiliacións, estas medran tanto na comparativa anual como na mensual. Galicia conta con preto de 22.500 afiliacións máis que hai un ano (+2,02 %) e con case 13.000 cotizantes máis que en xuño (+1,15 %), sendo a 3ª comunidade autónoma na que máis aumentan as afiliacións.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) A Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) continuou avanzando durante 2025 coa posta en marcha de novas actuacións para acelerar a transformación dixital da Comunidade. O balance anual, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), recolle avances en todos os eixes estratéxicos da Estratexia e unha actualización das súas metas para o final da década. O investimento mobilizado ao longo do pasado exercicio foi de 390,3 millóns de euros, entre capital público e privado.

Notas

Dez universidades de España acaban de constituír ConfIA, a Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia artificial Confiable e Responsable, unha iniciativa que reúne algúns dos principais centros de investigación en intelixencia artificial do Estado co obxectivo de fortalecer a colaboración científica, coordinar iniciativas estratéxicas e contribuír ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial responsable, confiable e aliñada cos valores europeos.
A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES