
O obxectivo da área de Normalización Lingüísitca da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, nesta cuarta xornada do programa, que comezou o pasado mes de outubro, é seguir facendo unha análise das políticas lingüísticas, neste caso, desde unha perspectiva de xénero que afonde na relación entre xénero e usos lingüísticos, na lingua como elemento de inclusión, no feminismo e mesmo no idioma coma un lugar de encontro e acollemento. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, que será a encargada de abrir o encontro ás 9:30 horas, considera que esta xornada "nace para ser unha ferramenta interesante para eliminar o sexismo no uso da lingua, de maneira especial desde o ámbito institucional municipal, e promover a súa potencialidade para camiñar para a integración e a igualdade".
Programa da xornada
Ás 10:10 horas, contarán a súa experiencia as responsables da Libraría Lila de Lilith, un espazo compostelán de troca de experiencias e propostas culturais feministas onde o galego é de uso habitual. Xa ás 10:15 horas comezará a primeira das mesas de debate, que leva por título: O galego, unha lingua inclusiva? Participan dela a profesora de tradución da Aston University, Olga Castro; a filóloga Noemía Basanta, e a socióloga Iria Vázquez.
Logo dunha pausa para o café, ás 12:00 horas, arrincará a segunda das mesas de debate para afondar nas Políticas lingüísticas e de xénero: unha complementariedade necesaria. Toman parte a profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antía P. Caramés, e a activista feminista Ximena González. Pecharán as xornadas ás 13:00 horas Zinthia Álvares Palomino e Mar Lugo, dúas Afrogalegas que buscan o recoñecemento e o empoderamento das mulleres negras que viven en Galicia e que falarán, ademais, da súa relación coa lingua.
Sobre Malas linguas
Malas Linguas, segundo a vicepresidenta de Deputación, Goretti Sanmartín ,son unhas xornadas que procuran «contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e afondar na necesidade de que o Estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico para que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua». Participan máis de medio cento de técnicas e técnicos municipais que traballan a diario en normalización lingüística e políticas relacionadas co galego.
A primeira xornada analizou o 23 de outubro no Pazo de Mariñán o impacto das políticas de normalización nas últimas décadas. A segunda, celebrada o 29 de novembro no Pazo provincial, abordou as consecuencias da violencia lingüística no franquismo. A terceira xornada, o 1 de marzo en Compostela, afondou sobre a transmisión non familiar da lingua e os comportamentos galegófobos nos entornos educativos. Logo desta cuarta, o programa de encontros porá o punto final en Ponteceso o 14 de maio.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.