Notas de prensa

Ãgatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez, na Ourense ICC Week

A quinta edición da Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense, estrea unha nova vertente creativa, a moda. E faino da man de tres importantes profesionais do sector: Ãgatha Ruiz de la Prada, Purificación García e Adriana Domínguez. A xornada inaugural da semana creativa correrá a cargo destas mulleres, que representan marcas de prestixio internacional.

A data é o martes 2 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A Ourense ICC Week pon así o foco nun segmento, o da moda, punteiro en España, sendo o noso país o quinto exportador europeo no téxtil, cunha cifra de negocio que supera os 10 mil millóns de euros. Un sector puxante e tamén estratéxico en Galicia que, tras Inditex, sitúa a provincia de Ourense a cabeza das exportacións galegas grazas ao Grupo Textil Lonia, que aglutina marcas de renome como Carolina Herrera e Purificación García. Ourense e tamén berce de marcas tan recoñecidas como Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Bimba y Lola.

"A Ourense ICC Week pon sempre o acento na vangarda e na innovación, algo que no mundo da moda ten á provincia de Ourense ocupando un lugar destacado, especialmente notorio e con peso de seu", afirmou Manuel Baltar, con nomes -ademais dos que participan na ICC Week- como Roberto Verino ou Kina Fernández. O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo que están a desenvolver os coordinadores da Ourense ICC Week, "que nesta edición continuará a engrandecerse, no apartado musical, con nomes como o de Kiko Veneno, un referente da música española", e lembrando, no ámbito xornalístico, a participación este ano de Iker Jiménez, xornalista, presentador de televisión e divulgador do misterio, quen participará co seu formato en directo chamado "Cara a Cara". Manuel Baltar tamén dixo que o programa desta edición inclúe o humor, unha temática que continúa a ter o seu espazo na Semana das Industrias Culturais e Creativas, e que estará a cargo do humorista, escritor e director de cine, Luis Piedrahita.

A Ourense ICC Week celebra a súa quinta edición entre os días 2 e 7 de abril, durante os cales Ourense converterase no "foro creativo e cultural para centos de persoas e entusiastas da innovación que, en diferentes lugares emblemáticos da nosa provincia, analizarán, debaterán e gozarán coas propostas que os mercados e a tecnoloxía pon a disposición do público", dixo Baltar.

Ãgatha Ruiz de la Prada

Ãgatha Ruiz de la Prada, cuxo nome é sinónimo de arte, ten exposto as súas creacións en prestixiosos museos de todo o mundo. A súa empresa conta desde 1986 con máis de 100 categorías de licenzas como complementos de moda, artigos para o fogar, libros, accesorios para mascotas, perfumería e papelería e moitos outros produtos. O seu selo persoal e inconfundible constitúe xa, despois de 30 anos dedicados á moda, un legado para o mundo do deseño.

Nacida en Madrid en 1960, Ãgatha Ruiz de la Prada estudou na Escola de Artes y Técnicas da Moda de Barcelona. Aos 20 anos comezou a traballar como axudante no estudo madrileño do modisto Pepe Rubio. Un ano despois presentou a súa primeira colección no centro de deseño LOCAL de Madrid e dende entón desfilou nas principais capitais internacionais da moda. As creacións da deseñadora convertéronse nun verdadeiro medio de expresión artística e desde os seus primeiros anos no mundo da moda comezou a exhibir algunhas pezas mestras en galerías e museos de diferentes cidades de Europa, América e Asia.

No ano 2011 constituíu a Fundación Ãgata Ruiz de la Prada, onde conservase unha importante representación do devir de Ãgatha a través dos seus máis de trinta anos de historia no mundo da moda e da creatividade, co fin de catalogar, conservar e difundir seu impresionante legado documental.

Purificación García

Naceu en Castrelo do Val e pasou a súa infancia en Montevideo. O seu primeiro traballo tivo lugar nunha empresa téxtil desta cidade, onde adquiriu un gran coñecemento do tecido, a base da súa futura profesión. Con vinte e un anos trasládase a Canadá onde entra en contacto co mundo da pel e tras unha etapa neoiorquina, decide regresar a España en 1978, fixando a súa residencia definitiva en Barcelona. En 1981 presenta a súa primeira colección completa e en 1983 consolídase no mercado nacional, desfilando cada tempada en Barcelona e en Madrid. En 1985 abre a súa primeira tenda en Bélxica, e en 1989 desfila por primeira vez na Pasarela de Milán. Con motivo da apertura das súas boutiques en Tokio, Osaka e Kyoto en 1990 realiza o seu primeiro desfile na capital nipoa. En 1995 abre a súa boutique-taller en Barcelona; alí, á marxe do prêt-a-porter, ocúpase persoalmente do que chama "nova costura" da que son un gran exemplo os seus traxes de noiva.

En 1998 firma un acordo con STL para o deseño, a fabricación e a distribución dunha liña prêt-a-porter feminina, outra masculina e os seus respectivos accesorios. En 2001 publica o libro "Ter Estilo" da editorial Temas de Hoxe e en 2003 crea o Premio de Fotografía Purificación García, que tras nove edicións, consolidouse como un dos certames con maior prestixio no panorama nacional. En abril de 2011 esta iniciativa amplía horizontes co Premio Purificación García de Fotografía Latinoamericana.

Adriana Domínguez

Adriana Domínguez González (Ourense,1976) é conselleira delegada do grupo Adolfo Domínguez desde maio de 2018. En xullo de 2017 xa fora designada directora xeral e máxima executiva da compañía. Anteriormente exerceu como conselleira, directora de marca de perfumes e directora de Comunicación. É llicenciada en Ciencias Empresariais Internacionais por ICADE e CESEM (Francia) e polo The Le Strasberg Theatre Institute de Nova York. Ten o máster de Pensamento na Escola Contemporánea de Humanidades de Madrid.

Conta cun profundo coñecemento da compañía na que liderou, durante 17 anos, varios proxectos en distintas áreas de negocio: deseño das concept store da empresa; creación de cinco coleccións cápsula da liña de moda muller; ou o lanzamento dunha liña de roupa para mascotas. Desde 2010 foi a responsable da xestión, creación, renovación e lanzamento das fragrancias da compañía. Na área de Perfumes, xestionou proxectos de marca e reputación como Viaxe a Ceylán, a renovación de Auga Fresca de Rosas, o lanzamento de Rosas Brancas e o lanzamento de Única. Na súa faceta de actriz participou en cinco producións de cinema e é membro vitalicio de The Actors Studio, asociación sen ánimo de lucro para actores profesionais, directores e dramaturgos.

Kiko Veneno

A música forma parte do ADN da "Ourense ICC Week" desde a súa primeira edición, e nesta quinta cita o máximo representante neste apartado será o Premio Nacional de Belas Artes, Kiko Veneno. Un dos nomes esenciais da música popular española das últimas décadas Kiko Veneno chega a Ourense no preámbulo da presentación do que será o seu novo disco "Sombrero Roto", un traballo rítmico e alegre do que só coñecemos polo de agora un tema: "La Higuera". A súa actuación será o venres 5 de abril, as 21.00 horas, no Teatro Principal de Ourense. As entradas teñen un custe de 18 euros, e están xa dispoñibles a través de A Taquilla.

O programa musical da ICC Week complétase con dúas citas de balde e ao aire libre. A "Sesión Reboreda ICC", na Praza Bispo Cesáreo, o venres 5 de abril as 19.00 horas, a cargo de Soledad Vélez e Adriana Proenza, e a "Sesión Vermú" do sábado 6 de abril nos Xardíns de Padre Feijóo, a partir das 12.00 horas, cun cartel formado por Joe Crepúsculo, Los Nastys e Mounqup.

Deputación de Ourense, 2019-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (portugal_galicia.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o sábado 8 de xuño nos exteriores do complexo e nesta ocasión contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade lúdico festiva contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes durante a mañá. A carreira celébrase co obxectivo de gozar coa práctica deportiva nun enclave singular como é o Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia. Está artellada co ánimo de que os participantes o pasen ben durante o percorrido e no fin de festa.

Notas

A muiñeira, que é tanto unha danza tradicional galega como a composición musical que a acompaña, converteuse no século XIX nun “elemento identitario” de Galicia que acompañou o rexurdir político e cultural da época, segundo comprobou Julio Alonso Monteagudo nas investigacións que lle permitiron elaborar a súa tese, ‘Música e identidade galega. Do baile da gaita á muiñeira (S. XVII-XIX)’.
Baixo o título Love Velo, ata finais de maio pode visitarse na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense unha exposición biográfica arredor da figura de Xosé Velo, que a principios de 1961 dirixiu o secuestro do transatlántico Santa María para denunciar internacionalmente as dúas ditaduras ibéricas. Xosé Velo Mosquera, explícase na exposición, naceu en Celanova en 1916. Membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas, chegou a ser elixido secretario xeral desta organización en 1935.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES