Notas de prensa

O Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia, abre ao público en sesións de mañá e tarde

O presidente da Deputación de Ourense asinou hoxe co alcalde de Xinzo de Limia o convenio por medio do cal a Deputación asume a xestión do Museo Galego do Entroido, situado en Xinzo de Limia, o que permitirá que este espazo expositivo abra as súas portas de maneira regular "poñendo a disposición do público, coa colaboración do Concello de Xinzo e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia que amosa a riqueza do carnaval".

O convenio de transferencia das instalacións permite que a Deputación de Ourense asuma este servizo en réxime de competencia propia e como servizo publico cultural de carácter supramunicipal, de cuxa xestión encargarase unha empresa. A Deputación crea, ademais, o Consello Asesor do Museo Galego do Entroido, do que formará parte o Concello de Xinzo; a asociación "A Pantalla", e as entidades locais da provincia de Ourense nas que o entroido teña un especial arraigo e aquelas sen ánimo de lucro que realicen actividades de conservación e difusión do entroido ourensán.

Manuel Baltar e o presidente da asociación "A Pantalla", Carlos Valle, asinaron tamén hoxe o convenio de colaboración que establece a cesión de uso á asociación dun espazo no Museo Galego do Entroido e da xestión da colección monográfica da asociación, depositada no museo.

No marco da sinatura destes convenios presentouse a programación provincial de entroidos 2019, que contará con máis de 300 actividades en 34 concellos ao longo de 18 días, "amosando a riqueza cultural, etnográfica e turística de Ourense como a provincia do entroido por excelencia", destacou Baltar.

O presidente do goberno provincial afirmou que hoxe "é un día importante para Xinzo de Limia, para Galicia e para o entroido, porque a Deputación asume a xestión deste museo, coa colaboración do concello e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia de exaltación da riqueza do noso carnaval, que será, sen dúbidas, un foco de atracción turística", expresou Manuel Baltar, engadindo que concello e deputación cooperan; "facemos efectivo un acordo plenario de ámbalas dúas institucións para poñer a disposición dos visitantes unha infraestrutura cultural que servirá de atracción para a zona".
O presidente da Deputación tamén se referiu ao acordo coa asociación "A Pantalla", destacando "a cesión de uso que asinamos hoxe para que esta asociación, propietaria dunha importante aportación que forma parte dos fondos museísticos deste espazo expositivo, siga realizando a súa actividade a prol da cultura do entroido".

Manuel Baltar amosouse "plenamente satisfeito" de que por medio destes acordos de colaboración "o entroido de Ourense e de Galicia siga a escribir a súa historia con maiúsculas, mantendo e dinamizando unha tradición secular que todos temos a obriga de seguir conservando".

En canto ao programa de entroidos da provincia de Ourense os 34 concellos que desenvolverán actividades son: Ourense, Manzaneda, A Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Bande, Maceda, Xinzo de Limia, Entrimo, Laza, Ribadavia, A Veiga, Vilardevós, O Carballiño, Maceda, Barbadás, O Bolo, Castrelo do Val, Cualedro, Maside, Muíños, Parada de Sil, Cartelle, Riós, A Merca, Boborás, Esgos, Oímbra, Allariz, O Barco de Valdeorras, Melón, Toén e Celanova. O programa, do que a Deputación de Ourense editou máis de dez mil exemplares cos eventos festivos do entroido que terán lugar entre o 21 de febreiro e o 10 de marzo, está a disposición do público en establecementos hostaleiros e hoteleiros da provincia e doutros puntos de Galicia.

Deputación de Ourense, 2019-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES