
As entradas están á venda na web Ataquilla.com para todas aquelas persoas que non adquirisen o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Ademais, Afundación conta cunha política de bonificacións e descontos para persoas desempregadas, xubiladas e mozas que comporta unha rebaixa adicional dun 10 % no prezo das entradas.
A REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros. Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal). Paralelamente, a vocación pedagóxica da RFG tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica. A RFG está xestionada administrativamente polo Consorcio de Santiago e forma parte da Asociación Española de Orquestras Sinfónicas (AEOS).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.