
Ao finalizar o concerto realizarase unha sinatura de discos que se poderán adquirir na propia sala.
Este concerto é parte da programación de actividades organizadas no marco desta mostra, que responde ao propósito da entidade de potenciar as experiencias interactivas dentro das súas actividades para estender a programación máis aló da propia exposición, mostrando na práctica o diálogo permanente entre as distintas disciplinas artísticas, e desenvolver a actividade cultural fóra dos espazos onde se desenvolve tradicionalmente.
A fadista, o novo disco de Maria do Ceo, volve reunir o fado e a música galega nun espazo emocional no que as texturas sonoras expresan sentimentos compartidos pola melancolía e no que a saudade e a morriña emerxen na súa voz e móstranse en contextos claros e recoñecibles, cunha tensión de afectividade musical que atrae de inmediato. Nos seus directos, Maria do Ceo mantén o seu estilo sobrio e elegante, en compañía da guitarra portuguesa de Alex Salado e a guitarra española de José Salgado.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.