
A representación, cunha orixinal posta en escena emulando o xogo da ruleta rusa pero con polvos de cores, será ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Os portugueses Ana Borralho e João Galante volven traer ao festival un traballo en comunidade, tal e como fixeran en 2015 coa exitosa peza Atlas, que permitiu ver no escenario do Museo Centro Gaiás a un cento de cidadáns sen ningún tipo de experiencia no teatro para configurar un atlas da xeografía humana.
Para esta peza escénica, contouse con mozos e mozas da comarca de Santiago de Compostela, de entre 18 e 23 anos de idade, que non fosen profesionais da interpretación co obxecto, segundo os directores, de amosar, reflectir e saber que pensan, que viven, que soñan, os mozos nados a partir do 2000. Para iso, a compañía portuguesa fixo un labor previo con eles durante varios días de ensaios, onde se traballou e se pescudou sobre os seus soños e as súas expectativas nun período das súas vidas feito de tensións, presión, conflitos, riscos, retos, interrogantes sobre identidade e novas experiencias.
Referentes da danza contemporánea internacional
Esta segunda semana do festival permitirá ver a destacados artistas da danza contemporánea internacional como Alessandro Sciarroni, Tino Sehgal e Ligia Lewis. Estes dous últimos serán os encargados de pechar o sábado, día 16, Escenas do cambio con Sans titre (2000) e Minor matter, respectivamente, e que suporá ver por primeira vez en España dúas obras emblemáticas das carreiras destes artistas xa consagrados na escena internacional.
Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival, cun evidente peso no programa tanto en cantidade como en calidade, xa que o venres poderase ver xunto a Chroma (35), de Alessandro Sciarroni Premio León de Ouro pola súa carreira na Bienal de Venecia o orixinal traballo de Flora Détraz en Tutuguri e o vestido-danzante de Ola Maciejewska en Loie Fuller: Research.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.