Notas de prensa

O festival Plataforma chega a súa quinta edición levando as artes vivas a todos os rincóns de Compostela

Organizado pola Cooperativa Performa (Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo), Plataforma. Festival de artes performativas celebrará a súa quinta edición en múltiples localizacións de Santiago de Compostela entre o 16 e o 25 deste mes de maio. Trátase dunha cita anual ineludible para os amantes da cultura e as artes, achegando diversos públicos coa súa proposta interdisciplinar.

Entre o 16 e o 25 de maio o festival dinamizará as rúas e prazas da cidade, con performances, música, cinema, danza, propostas escénicas, encontros, talleres, exposicións, conferencias performativas e arte contemporánea.

O músico Benxamín Otero será o encargado de abrir esta edición do festival en colaboración co Coro da Ra, dirixido por Ramón Bermejo. A formación compostelá acaba de cumprir trinta anos de vida, dende o que fora o seu primeiro concerto público. Coma un cento de paxaros é a peza preparada especialmente para o festival polo músico de Lalín e o coro para estrear nesta edición de Plataforma. Será o xoves 16 de maio na Praza de Praterías ás 20.00 horas.

Dous días antes, o martes 14, comezarán as actividades formativas de Plataforma cun taller de performance a cargo da artista Ana Gesto. O taller para o que é necesario inscrición a través da web do festival plataforma.gal terá lugar no Centro Sociocultural Santa Marta. O día 18 de maio os participantes realizarán unha mostra de resultados nas rúas do casco vello da cidade acompañados pola artista. A este taller súmanse outras propostas educativas como o taller para a cativada dirixido por Neves Seara que terá lugar no Parque de Bonaval o día 25 de maio.

O festival organizado por Cooperativa Performa caracterízase pola deslocalización de espazos e a aposta pola colaboración entre as institucións culturais da cidade, ademais de pola proposta dunha programación de rúa que sorprende aos viandantes. Nesta edición gozaremos das actuacións e performances en múltiples escenarios: A galega Neves Seara será a encargada de protagonizar a programación do día das Letras Galegas na Fundación DIDAC coa súa performance Perder os papeis. Palabra ferida. Celebraremos o Día dos Museos no CGAC coa artista alemá Grace Schwindt en colaboración coa música e performer galega Macarena Montesinos que presentan en Plataforma a peza Strings tomando a figura das mouras como punto de partida. A coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano actuará na sede de SGAE presentando o seu último traballo, El lugar de los pasos perdidos, unha obra entre a danza contemporánea e a performance que nos leva ao universo particular da artista nunha viaxe persoal e introspectiva. A cita será ás 20.00 horas.

As actuacións no CGAC continúan o día seguinte coa estrea en Galicia de Blob de María Jerez. Nuria Vil pola súa banda, presenta unha nova peza performativa a mañá do domingo 19 baixo o título Declaro deserto na sala da Fundación DIDAC. A programación do 19 remata coa presentación do proxecto Fora de si das coreógrafas e bailarinas Nuria Sotelo e Luz Arcas na Igrexa da Universidade. O venres 23 de maio a gran figura da danza contemporánea Juan Domínguez nos leva ata a Sala Agustín Magán de Santa Marta coa súa conferencia performativa no me tiene que interesar. O sábado 25 será o día do cinema e a arte contemporánea. Presentaremos a película Carmen Troubles do artista portugués Vasco Araújo que afonda no mito de Carme en NUMAX sendo a súa estrea en España. Na mesma mañá terá lugar a inaguración da mostra E agora para onde vou? do artista Vasco Araújo comisariada por un dos directores do festival, Iñaki Martínez Antelo.

O festival pecha a noite do 25 de maio ás 22.00 horas na Sala Riquela coa actuación da DJ galega Russ.

Grazas a súa natureza transversal, o Festival Plataforma intégrase á perfección coa programación cultural compostelá, así coma na rede galega de institucións públicas e privadas que colaboran con este festival. Un ano máis, Plataforma aposta polo talento local e a igualdade, facendo da cultura o eixe integrador do patrimonio compostelá. Nesta edición os escenarios da programación serán espazos como a Praza das Praterías, o parque de Bonaval, a Fundación DIDAC, a sala do cinema NUMAX, o Centro Sociocultural Santa Marta, a sede de SGAE Sociedad General de Autores e Editores, a Igrexa da Universidade, a sala Riquela ou o CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, ademais de recuperar a Sala Agustín Magán para usos escénicos.

Despois dos premios entregados a La Ribot, Carlos Rodríguez-Méndez e Antón Reixa, este ano o Premio Plataforma será outorgado á coreógrafa, bailarina e Premio Nacional de Danza Mónica Valenciano, pola súa aposta pola renovación da linguaxe da danza e as súas importantes aportacións á creación e ás artes vivas. O premio será entregado pola Alcaldesa de Santiago de Compostela Goretti Sanmartin Rei, unha vez finalizada a actuación de Mónica Valenciano na Sala da Fundación SGAE o sábado 18.

Festival Plataforma, 2024-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES