Notas de prensa

En marcha cinco novas actuacións do Plan DigiTalent para impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas

A Amtega en colaboración coas empresas do sector tecnolóxico pon en marcha cinco novas actividades do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent. Nos primeiros meses do ano, cobran especial relevancia as iniciativas orientadas á infancia e adolescencia para o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas, que se suman a outras xa en marcha. Así a semana pasada a Amtega abriu o prazo de inscricións da segunda edición programa Tecnólogo por un día.

Este programa permitirá a nenos de 12 a 17 anos experimentar en primeira persoa como é un día de traballo no marco das profesións dixitais.

Ademais, está en marcha GenTech, de Altia, con 20 sesións dixitais aos centros educativos para achegar ao alumnado de bacharelato presentacións de profesionais TIC que lles trasladarán a súa experiencia desde unha perspectiva real, práctica e inspiradora co obxectivo de potenciar o seu xene tecnolóxico.

Inicio da ruta Acerca-T polos centros educativos

Durante este mes de febreiro a empresa Televés iniciará a ruta Acerca-T, poñendo en circulación unha unidade móbil equipada con material de telecomunicacións e robots deseñados e fabricados pola empresa coa que visitará catro centros educativos das catro provincias galegas.

Ademais a unidade tamén terá presencia nas oficinas centrais de Televés, que servirán como ubicación accesible para todos os nenos/as da área de influencia, ofrecendo un total de 100 prazas nesta edición e tamén terán oportunidade de visitar a fábrica da empresa en Santiago de Compostela.

Acerca-T está orientada a alumnos e alumnas de ESO e bacharelato, en quendas con capacidade de ata 10 persoas nas que poderán participar estudantes de centros educativos distintos dentro do radio de acción da unidade móbil sempre que haxa prazas dispoñibles. As localizacións, datas e instrucións para participar nesta actividade poden consultarse no espazo web DigiTalent https://amtega.xunta.gal/vocacions-cientifico-tecnoloxicas-infancia-e-adolescencia.

Ciclo de talleres lúdico-formativos DixiXogo

A iniciativa DixiXogo liderada pola empresa Iecisa, ofrece a nenos e nenas de 6 a 14 anos a posibilidade de aprender e adquirir habilidades dixitais a través do xogo con talleres de distintos niveis de dificultade, desde os máis básicos con Lego WeDo ata os máis avanzados con MindStoms e Robobo.

Estas actividades terán lugar no centro de innovación La Molinera de Ourense e nas instalacións do Corte Inglés de Vigo, A Coruña (Marineda City) e C.C. Santiago de Compostela; ademais estes dous últimos centros contarán cun espazo Lego permanente de robótica educativa”. Os 5 talleres planificados ata o de agora ofrecerán un total de 75 prazas. Todos os detalles dos talleres, localizacións e instrucións para participar estarán dispoñibles na web https://www.iecisa.com/es/DigiTalent.

Inmersión tecnolóxica do alumnado

A empresa SIVSA Solucións Informáticas e Coremain poñen en marcha FUTURELAB+FUNCODE e O Core das TIC respectivamente, unha serie de talleres nas instalacións destas empresas nos que se realizarán actividades prácticas experimentando os procesos de creación e desenvolvemento de solucións tecnolóxicas.

Os participantes de FUTURELAB+FUNCODE poderán achegarse a proxectos relacionados co coche conectado ou a programación e os que se decanten por O Core das TIC coñecerán de cerca iniciativas relacionadas co ámbito das telecomunicacións. Estes talleres ofrecen 60 prazas para estudantes de entre 12 e 17 anos e celebraranse desde marzo ata finais de curso. O prazo de inscrición está aberto desde o 1 de febreiro a través dos formularios dispoñibles nos seguintes espazos web: https://www.sivsa.com/site/digitalent/ e http://www.coremain.com/core-tic/.

Competición internacional DXC Codes

DXC Technology impulsa DXC Codes, unha competición internacional de programación de xogos en linguaxe Scratch para nenos de 10 a 14 anos, cuxa primeira fase local será organizada pola delegación de DXC Technology en Santiago de Compostela para nenos de toda Galicia. Está previsto que durante este mes de febreiro se publiquen os retos de programación, que son definidos a nivel global, e se abra o prazo de inscricións para os interesados en participar no concurso.

Catálogo de actuacións DigiTalent 2018/2019

O catálogo de actuacións DigiTalent está dispoñible no espazo web https://amtega.xunta.gal/digitalent, en constante actualización, para ofrecer todas as novidades e os detalles de todas as actividades así como as instrucións para participar nas mesmas.

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 2019-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.
Foto de la tercera plana (museo-peregrinacions-02.jpg) A programación de actividades comprende neste caso a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei, que tamén xestiona o Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro.

Notas

Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
Lugopoética dividiuse en seis sesións, cada unha protagonizada por dous autores - agás unha delas, na que interviñeron tres – vinculados pola súa actividade, profesión ou por ter lazos familiares. Entre eles hai labregos, cregos, profesores ou filósofos, que leron anacos das súas obras e contrastaron as súas experiencias e puntos de vista. A iniciativa comezou no ano 2024 co obxectivo de divulgar a riqueza e potencial da creación poética na provincia.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES