Notas de prensa

Oito centros escolares participarán nun intercambio de boas prácticas educativas con centros de fóra de Galicia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de seleccionar os oito centros escolares galegos que participarán nun intercambio de boas prácticas educativas con centros de fóra a través do programa de innovación educativa Observa_Acción: Innovación docente dende a observación e o intercambio entre iguais.

Na provincia da Coruña, os centros participantes son o IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela) na modalidade A; e os CPI O Cruce (Cerceda) e CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso) na modalidade C.

Na provincia de Lugo resultaron seleccionados o CEIP Santa Rita (Viveiro) na modalidade A; e o CEIP de Cervo na modalidade C.

Pola súa parte na provincia de Pontevedra inclúense na iniciativa o IES de Meaño e o CEIP Plurilingüe da Espiñeira-Aldán (Cangas), ambos na modalidade B; e o IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) na modalidade C.

De cada un dos centros seleccionados participarán neste programa de innovación cinco persoas do claustro, incluído un membro do equipo directivo.

A iniciativa -que involucra 40 docentes- ten como finalidade fomentar o desenvolvemento profesional nas Competencias Profesionais Docentes para a cooperación e colaboración, construción conxunta de coñecemento e o liderado e xestión de centros a través do intercambio de boas prácticas e a observación entre iguais.

A modalidade A, vai dirixida aos centros que xa participaron en Observa_Acción no curso 2017/18, e consiste nunha visita de observación a centros de referencia no espazo internacional europeo; mentres que a modalidade B se basea o intercambio de observación interautonómico cun centro de cada unha das comunidades participantes, nomeadamente Asturias, Castela e León e A Rioxa. No caso da modalidade C, o intercambio producirase só cun centro de Castela e León.

A Consellería de Educación recoñecerá a participación dos docentes nesta iniciativa como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación. Ademais, o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) coordinará o programa e fará o seguimento do seu desenvolvemento ao longo de todo o proceso.

Fases

Observa_Acción desenvolverase ao longo do presente curso a través de varias fases. A primeira delas será de formación inicial para todos os participantes no programa, a través do CAFI; mentres que a segunda pasará pola toma de contacto entre centros irmandados previa á observación. Para iso en cada centro estableceranse dúas modalidades de observación paralelas que serán desenvolvidas por dous perfís diferentes.

Por unha banda, unha persoa do equipo directivo cooperará con persoas dos equipos directivos dos centros irmandados en observación relativa a competencias para o liderado, xestión de recursos propios e alleos e estratexias comunicativas e colaborativas. Por outra, o grupo de persoas docentes cooperará co profesorado dos centros irmandados en observación relativa ás Competencias Profesionais Docentes nas que fose detectada unha necesidade específica ou compartindo boas prácticas de innovación educativa. Neste caso prestarase especial atención ás que estean a desenvolver en materia de novas propostas didácticas, metodoloxías activas e colaborativas, transformación na organización de centro, convivencia, inclusión, aprendizaxe integrado de linguas, competencia dixital, STEM ou avaliación.

Tras esta fase procederase ao intercambio propiamente dito, ben cun desprazamento ata as
sedes dos centros anfitrións dentro do ámbito xeográfico europeo (modalidade A), ben cunha visita de dúas xornadas lectivas completas (modalidades B e C) a centros educativos dalgunha das outras comunidades participantes.

Por último realizarase unha coavaliación e avaliación final que inclúa unha reflexión para a innovación e a mellora da propia práctica docente a nivel individual e de centro.

Novas vías para a innovación

Este programa procura experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa entre os docentes de centros educativos de Galicia, así como con outros centros doutras Comunidades Autónomas e doutros países socios en proxectos internacionais.

Non en balde, os intercambios inter-centros e inter-pares facilitan que os docentes observen de forma directa metodoloxías, distintos enfoques didácticos nos procesos de ensino-aprendizaxe, outras formas de relación e comunicación, ou diferentes vías de xestión dos recursos propios e alleos, fomentando a adaptación e a aplicación do aprendido na súa praxe diaria.

Ademais, o proceso que leva consigo o programa contribúe a fomentar o traballo en equipo dentro do propio centro, entre aqueles que teñen intereses compartidos e mesmo favorece a internacionalización, abrindo as súas portas a proxectos transfronteirizos, tanto no Estado español coma fóra del.

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, 2018-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES