
A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a gastroenteróloga e responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense, María Francisco; e a asociada de ACANPAN (Asociación Cáncer de Páncreas), Belén Gómez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de desenvolver no noso territorio eventos que aglutinen "deporte, saúde e solidariedade", que contribúen a "fomentar a práctica deportiva entre os nosos veciños e tamén a dar visibilidade e recadar doazóns para a investigación do cancro de páncreas".
Trátase dunha proba que xa se ten levado a cabo noutras cidades como Las Rozas, Alacante, Terrassa, Roma ou Milán, e que o día 25 de novembro chegará a Vilamartín de Valdeorras, sendo a primeira vez que se disputa en Galicia.
A saída da andaina será ás 10.30 horas e a da carreira será ás 11.30 horas, ambas desde o Colexio Público Xosé Manuel Folla Respino en Valdegodos. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custe de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil, e "todo o diñeiro que se recade irá destinado ao 100% para as becas de investigación de cancro de páncreas", explicou Belén Gómez. As inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com; ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba.
Asemade, todas aquelas persoas que non participen na proba poden colaborar con esta causa a través do Dorsal 0 en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila 0.
En canto aos datos desta enfermidade, a gastroenteróloga destacou que se trata da "terceira causa de morte por cancro, e que se aprecia, a nivel nacional, un lixeiro incremento a diferenza doutros cancros, polo que se espera que no ano 2030 sexa a segunda causa de morte por cancro. Isto quere dicir que é un cancro agresivo, que diagnosticamos en estadios avanzados e que, por tanto, temos que buscar melloras tanto en diagnóstico precoz, como nos tratamentos que temos hoxe en día".
A realidade actual do panorama europeo é que "hai pouca investigación destinada unicamente a mellorar a situación deste cancro, por elo, desde hai tres anos, a Asociación Española de Pancreatología comeza con esta iniciativa das carreiras contra o cancro de páncreas. Comeza en Alacante e estendeuse por diferentes municipios de España e, a través desta iniciativa, conseguimos situarnos no mapa e poñer o noso grao de area a esta causa", explicou María Francisco.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.