Notas de prensa

O 15 Encontro Galego de Ilustración, unha ollada á gran diversidade da ilustración actual

O Encontro, que terá lugar esta fin de semana en Santiago de Compostela organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), ofrecerá charlas, unha mesa redonda, un obradoiro e dous eventos lúdicos arredor do mundo da ilustración. Todas estas actividades serán (salvo o obradoiro) gratuítas e abertas ao público xeral, e decorrerán na Unitaria e no Auditorio de Galicia.

Preludio con taller e presentación festiva

Mañá, venres 28, a Unitaria (calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle ás 18:00 un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo, titulado «Eu non sei debuxar», ao que era necesario inscribirse. O éxito inmediato da súa convocatoria fixo que as prazas estean xa cubertas desde hai días e mesmo haxa unha lista de espera por se se producise algunha baixa. A partir das 21:00, o mesmo lugar será escenario dunha nova sesión da Ilustranoite, formato en que dez ilustradores e ilustradoras de Galicia presentan os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Nesta ocasión, os protagonistas serán Eva Komorebi, Dani Xove, Maru Astray, Miss Hope, Venditti, Ness, Víctor Boullón, María Lapido, Tomás Guerrero e Nuria Díaz.

Charlas e conferencias

O sábado 29, no Auditorio de Galicia, terá lugar a parte central do Encontro, coas conferencias dos diferentes ilustradores participantes, presentadas pola tamén ilustradora Laura Pato —máis coñecida polo seu pseudónimo Le Petit Patito— como mestra de cerimonias. Pola mañá, entre as 10:45 e as 14:00, sucederanse as charlas da murciana Ana Galvañ (cuxo relatorio versará sobre a realidade cotiá do ilustrador profesional, baixo o título «Polo menos tes traballo») e do asturiano Juan Díaz-Faes (que falará sobre o proceso creativo, co título «San “Quehago” de Compostela»).

Xa pola tarde, a partir das 17:00, será o momento do panel de experiencias «Ilustración e industria téxtil en Galicia», coa participación dos galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos. Despois, finalmente, Miguel Gallardo falará, na súa charla «Debuxando para María», da súa experiencia comunicativa como ilustrador coa súa filla con autismo, protagonista das novelas gráficas María y yo e María cumple 20 años.

Esa mesma noite, como final do Encontro, está programada unha festa a partir das 23:00 nun local da cidade vella de Santiago cuxo nome será desvelado na propia xornada do sábado. Trátase dunha Sesión DJ ilustrada, na que o DJ Bluemouse se encargará da música, mentres se proxecta ao público o debuxo en directo dos ilustradores Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

O Encontro está organizado coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta. Toda a información os datos sobre os ilustradores participantes poden consultarse na web agpi.es/encontro

A AGPI e o Encontro de Ilustradores

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) agrupa desde o ano 2000 ilustradores e ilustradoras comprometidos na defensa común dos seus dereitos e intereses profesionais. Actualmente AGPI aglutina máis de 120 ilustradores e ilustradoras de distintas xeracións e de todas as áreas da creación visual aplicada. AGPI forma parte da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), integrada actualmente polas asociacións de Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia. à súa vez, FADIP é parte do European Illustrators Forum (EIF), que inclúe asociacións de ilustradores de toda Europa.

A AGPI organiza desde 2004 o Encontro Galego de Ilustración, unha cita anual pola que teñen pasado autores do primeira liña e na que se teñen tratado, ademais, temas clave para a profesión, debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos (axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais). Catorce anos despois daquel primeiro Encontro, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.

Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, 2018-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES