Notas de prensa

Aires de hip hop, electrónica, bolero, soul, trap, rock and roll, punk, blues, swing e jazz con acento galego para o Noroeste Estrella Galicia 2018

BFlecha, Carla Green & The Demons, The Lákazans, Wondermind, Bea a de Estrella, Glitchgirl e The Big Lis Gumbo Band súmanse ao cartel desta 32º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará na Coruña do 7 ao 12 de agosto de 2018. Con elas, as prazas, rúas e museos da cidade inundaranse dos sons máis arriscados e eclécticos con acento galego.

O Noroeste Estrella Galicia apostará un ano máis por visibilizar o traballo das bandas e artistas locais e galegas ás que seguir a pista. Todas elas destacan pola calidade e pola singularidade das súas propostas musicais e polos seus vibrantes directos. Ademais, fiel á súa filosofía de apoiar ao tecido cultural emerxente, unha selección de grupos integrantes dos Locais de Ensaio do Concello da Coruña abrirá de novo os concertos do 32º Noroeste Estrella Galicia nas prazas, rúas e museos da cidade.

SETE NOVAS BANDAS E ARTISTAS CONFIRMADAS NO NOROESTE ESTRELLA GALICIA 2018

BEA A DE ESTRELLA. Poeta, compositora e cantante, Beatriz Pérez Mosquera é Bea a de Estrella, un nome artístico en homenaxe á súa nai. O título do seu primeiro disco, Mar de fóra, está inspirado na homónima praia de Fisterra (A Coruña). Letras en galego, emotivas, persoais e cheas de sentimentos, definen un disco con cancións que van desde o bolero ao swing.

BFLECHA. Produtora, dj e cantante, a galega Belén Vidal é BFlecha. Tralo seu primeiro álbum, Beta (2013), o seu traballo Kwalia (2017) é un disco de R&B, pop e trap. Todo un conxunto de estilos que converxen na electrónica. O álbum invita a facer unha viaxe interior e íntima para coñecerse a un mesmo a través da música. Pero tamén contén temas para rebentar as pistas de baile, como Ceja de Carnaval, unha visión tecnicolor do son dirty south, ritmos marteleantes e psicodelia. Nas súas sesións como DJ, atopámonos estilos como o electro-funk, clásicos do house de Chicago e do funky e o dubstep británicos. E tamén xoias do pop e do New Wave dos 80. Todo un cóctel para non deixar de mover os pés.

CARLA GREEN & THE DEMONS. A banda liderada pola cantante Carla Green formouse en Galicia en 2017 para levar aos escenarios o mellor soul dos anos 60 e 70: Etta James, Nelson Pickett, Otis Redding… Aínda que de recente formación, Carla Green & The Demons componse de músicos experimentados e cunha dilatada traxectoria en estilos coma o blues, o swing e o jazz. Á guitarra está David Tato (Bakin’ Blues Band); ao baixo, Fran Sanz (Bakin’ Blues Band); ao saxo, tenor e barítono, Martiño Mato (Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira); ao trombón, José Luis Miranda (Garufa Blue Devils Big Band); e á batería, Lar Legido (Sumrrá). No seu directo recuperan cancións que soan nas casas dos amantes do vinilo e da música negra. Sen dúbida, a voz de Carla Green fai que o soul clásico chegue á alma do público.

GLITCHGIRL. “Artista de música electrónica rara”. Así se define a propia Glitchgirl, un dos seudónimos da produtora de música e videodj Alicia Muñiz, con base en Santiago de Compostela. DJ do grupo Ezetaerre e ex membro de grupos como Szentes, Suneo e Moonbus, Glitchgirl é un proxecto individual que combina elementos do ambient, o trap, o witch-house e o darkwave cun toque irónico de breakcore e junglist. Cunha actitude marcadamente punk e de performance, as letras dos seus temas cambian en cada concerto. Prepárense para un directo único, porque sempre interactúa co público e pretende influir na psique dos espectadores a través da súa ironía e a crítica a temas sociais.

THE BIG LIS GUMBO BAND. Asiduo das salas galegas, The Big Lis Gumbo Band é un grupo coruñés de blues eléctrico encabezado por Iria “Big” Lis, a cantante da formación. A ela acompáñana Rubén “Sunny Boy” Barros (guitarras e dirección musical), Ramón “Figui” (armónica), Samuel “Play it again” Pérez (batería) e “Little” Fer Fraga (baixo). Todos os sabores do blues teñen cabida na banda: Texas, Chicago, California e Nueva Orleans. En 2014 publican o seu primeiro disco, The Bait of Blues, con grande éxito entre o público e a crítica especializada.

THE LÁKAZANS. É a nova sensación do soul galego. Con apenas tres anos de vida, The Lákazans erixiuse coma un dos grupos máis imprescindibles dos locais e festivais galegos, coa súa combinación de blues, soul e rock and roll. Co seu último traballo, Sandwina, abren se cabe todavía máis o seu espectro do blues á música americana, liberando en 12 temas -que confirman unha vez máis o seu talento compositivo- sons rockabillies, countries, souls e swings que non deixan a ninguén indiferente. O título Sandwina débese á figura de Kate Brumbwach, ou Katie Sandwina, unha vienesa do século XIX dedicada ao mundo do circo. A fama desa mujer débese á súa enorme forza física. Que o disco de The Lákazans lle tome prestado o seu nome non é casualidade, senón un chamamento ao empoderamento real da muller. Gravado en Pouland Studios, se por algo se caracteriza este traballo é por non deixarse mecer no acomodamento da fórmula do éxito que xa manexaba a banda. E é por iso polo que contén temas valentes e arriscados, como o maxistral 300 pounds of legend, que abre o álbum sen contemplacións e remata cunha improvisación xurdida na propia gravación, que deixa unha testemuña vital para a historia do noso blues máis recente. The Lákazans serán, sen dúbida, unha desas bandas imprescindibles do cartel deste 32º Festival Noroeste Estrella Galicia.

WONDERMIND. Velaquí un grupo novel con maiúsculas forxado nos Locais de Ensaio da Coruña. Antes do seu paso polo 32º Festival Noroeste Estrella Galicia, a banda estreouse sobre os escenarios no festival solidario Coruña En Directo, onde fixo doblete dous anos seguidos, en 2017 e 2018. Liderada pola cantante Sofía Pérez, Wondermind é unha formación coruñesa de indie rock alternativo na que tamén militan os músicos Xoán Varela (guitarra), Nacho Ríos (baixo) e Jesús García (batería). Diversión é a palabra que mellor identifica a esta troupe galega, algo que nunca faltará nas súas presentacións en directo. Os seus concertos son toda unha experiencia, na que a interacción coa audiencia é primordial. Este mes de agosto, o público do Noroeste Estrella Galicia poderá ser testemuña en directo dunha rompedora voz acompañada de potentes riffs de guitarra e unha sólida sección rítmica na batería e no baixo.

O NOROESTE ESTRELLA GALICIA, UNHA CITA ÚNICA QUE EN 2018 CELEBRA A SÚA 32 EDICIÓN

Como cada ano, A Coruña transformarase en agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Bea a de Estrella, BFlecha, Carla Green & The Demons, Christina Rosenvinge, Dona Rosa, Glitchgirl, Group A, Maria Arnal i Marcel Bagés, Mordem, Rocío Márquez, The Big Lis Gumbo Band, The Lákazans e Wondermind.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará polas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo experiencial, contemporáneo e singular.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival). O Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo á súa sesión de música dominical.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da crenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada. Ademais, o Noroeste contará de novo coa colaboración de Cuac FM e, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, contará coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural.

Festival Noroeste Estrella Galicia, 2018-05-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (escenas_do_cambio.jpg) A Cidade da Cultura de Galicia xa ten datas —do 7 ao o 16 de febreiro de 2019— para o festival máis vangardista das artes escénicas en Galicia, Escenas do cambio, no que se poderán ver dezasete obras escénicas, procedente de sete países (España, Portugal, Francia, Alemaña, Suíza, Polonia e Porto Rico) nunha programación que terá o privilexio de reunir nunha mesma edición a dous grandes referentes da vangarda, como son Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel Medina. Estes dous tótems da cultura contemporánea teñen cadanseu Premio Nacional e o Premio Velázquez de Artes Plásticas, os recoñecementos de máis prestixio neste eido en España.
Foto de la tercera plana (catedra_r.jpg) A chamada Ciberseguridade ou seguridade informática é un terreo de estudo a día de hoxe imprescindible tanto a nivel particular coma empresarial ou institucional, pois compromete cuestións tan sensibles coma poden ser a privacidade, a protección dos datos de corporacións de todo tipo e mesmo segredos de Estado, por citar tan só algúns exemplos da amplitude de implicacións que o termo conleva.

Notas

Froito de máis de vinte anos de traballo, o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) presentou este martes na Facultade de Filoloxía o Archivo Digital Valle-Inclán (1888-1936), que contén o fondo documental, bibliográfico, iconográfico e gráfico do escritor, con 4.500 documentos e 80.000 imaxes dixitalizadas. En versión trilingüe galego-español-inglés, o Arquivo pode consultarse de maneira libre.
Xa está na Casa de Galicia en Valladolid a exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela. Tras o traxecto desde Las Palmas de Gran Canaria, a exposición xa superou o 16.000 quilómetros percorridos por España e Portugal.
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania