
As deputadas escenificaron nunha viaxe-denuncia entre as capitais do interior e a capital de Galiza para protestar pola discriminación destas en materia de transporte ferroviario, con horarios escasos, duracións de viaxes interminables ou tarifas ata un 60% máis caras que nas liñas de tren do eixo atlántico.
A denuncia, a modo de trainmovie, empezou na estación de Lugo onde Rodil tomou o tren das 11:10 con destino a Ourense, -seguindo a recomendación de Renfe para trasladarse en ferrocarril entre Lugo e Santiago-, desde onde ambas tomaron o tren Avant de enlace a Compostela con chegada ás 16.08. No caso de Rodil, cinco horas máis tarde para un percorrido de 90 quilómetros que en coche consume 75 minutos.
Chegar desde Lugo a Santiago, -única capital de provincia que non ten conexión ferroviaria directa con Compostela-, leva o dobre de tempo que viaxar en tren de París a Londres, dez veces máis que ir de Vigo a Santiago, mentres que o prezo dos billetes ascende a 30,2, o dobre que no traxecto entre a cidade olívica e a capital de Galiza, argumentou Rodil.
Esta viaxe demostra que as conexións ferroviarias con Lugo son terceiromundistas, non é entendible a discriminación en materia ferroviaria coas provincias de interior, denunciou a deputada, quen reclamou horarios, prezos e traxectos do século XXI tamén para a cidadanía da provincia lucense.
Presas centrou a denuncia nos prezos do billetes e no abandono das liña rexional que deixa fora do tren a concellos que ata agora si estaban conectado por ferrocarril. Salientou que xa se cumpre un mes desde que o Parlamento aprobou a proposta do BNG para abaratar os prezos dos billetes, - o tarifazo da estafa avant-, e para mellorar a utilización dos bonos descontos.
Non imos esquecernos desta cuestión e temos iniciativas para facer seguimento que levaremos á Cámara senón hai novidades no curto prazo, porque entendemos que é unha cuestión de xustiza para Ourense e merecemos un tren que nos conecte con prezos e horarios acaídos cando menos coa capital do país, non estamos pedindo ningún luxo exótico, recalcou.
Presas tamén fixo extensiva a discriminación ferroviaria da provincia ao tren rexional, que prexudica particularmente ao sur de Ourense, unha liña cada vez máis abandonada e peor conectada, con avarías continuadas pese a que a collen milleiros de estudantes que onte mesmo soportaron unha nova avaría que obrigou ao seu transporte por estrada. Situacións que se repiten, son o pan noso de cada día e fai un mes ardeu un tren rexional, recalcou, non están garantidas nin a seguridade nin a conectividade, dúas cuestións nas que insistiremos no Parlamento.
As deputadas por Ourense e Lugo avanzaron novas iniciativas parlamentarias en relación á discriminación ferroviaria que soporta a veciñanza destas provincias, porque as persoas de Lugo e de Ourense tamén temos dereito a ter un ferrocarril do século XXI, porque o interior tamén existe, concluíron.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.