Notas de prensa

A Academia dedicaralle o Día Mundial da Poesía a Xohana Torres

A Real Academia Galega dedicaralle o Día Mundial da Poesía a Xohana Torres. A escritora e académica de número, falecida o pasado mes de setembro, será recordada o vindeiro 21 de marzo nun acto literario e musical.

Poetas de distintas xeracións e amizades da autora lerán e comentarán desde unha perspectiva persoal fragmentos da súa obra. Guadi Galego e Guillerme Fernández poranlle música a esta homenaxe.

Tamara Andrés, Xosé Manuel Beiras, Berta Dávila, Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo, Carlos Negro, Ánxeles Penas, Luz Pozo Garza, Ismael Ramos, Ánxela G. Abalo,Gustavo Pernas e Euloxio R. Ruibal recitarán e comentarán anacos de obras Xohana Torres, desde versos de Do sulco -o seu primeiro poemario, publicado en 1957- e un fragmento da obra teatral Da outra banda do Iberr (gañadora do Premio Castelao en 1966) ata poemas de Estacións ao mar (Premio da crítica española en 1981) e Tempo de ría (1992).

Tras a apertura do acto a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, Marilar Aleixandre presentará o programa, que arrincará coa loanza, a cargo da poeta Ana Romaní. O serán continuará cos recitados e as actuacións musicais. Na última parte da celebración, será o académico Xesús Alonso Montero, director da Sección de Literatura da RAG, quen recorde a Xohana Torres.

As intervencións e os textos escolmados serán recollidos nun volume de homenaxe a quen foi unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra.

Real Academia Galega (RAG), 2018-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES