Noticias

A Xunta consolidará a participación de todos os axentes do tecido produtivo no deseño das políticas de emprego coa institucionalización do diálogo social

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou a importancia da participación institucional de todos os axentes sociais no deseño das políticas activas de emprego impulsadas pola Xunta a través do pulo estratéxico ao Diálogo Social, unha das liñas prioritarias da Consellería. Así o puxo de manifesto esta mañá na resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia.

En dita interpelación salientou ademais que a procura de consensos e a escoita activa con patronal e sindicatos son clave para avanzar no fortalecemento do mercado laboral galego, que vén de acadar a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica, con 115.545 persoas e o número de afiliacións máis alto dun mes de abril desde que hai rexistros, con 1.087.434.

Como exemplo deste firme compromiso, sinalou a vontade da Xunta de institucionalizar as mesas de Diálogo Social en Galicia en coordinación con todas as entidades que o conforman. Así, o Executivo galego Impulsará un decreto que permita regular tanto a composición como o funcionamento deste órgano, estruturando un traballo que, de facto, xa se está facendo da man de todos os axentes do tecido produtivo —con máis de medio cento de reunións desde 2019— para abordar retos do mercado laboral como a cobertura de vacantes, a sinistralidade ou o absentismo e para afondar no impulso do emprego en sectores estratéxicos. Tamén neste marco deséñanse os criterios de actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia, infórmase sobre a planificación das políticas activas de emprego e da súa programación e avalíase a situación do mercado laboral.

José González salientou ademais o papel fundamental que realiza o Consello Galego de Relacións Laborais —no que tamén están representados sindicatos e asociacións empresariais de Galicia— como órgano permanente de diálogo institucional.

Politicas activas de emprego

Durante a súa intervención, o conselleiro reafirmou que a participación institucional é clave para continuar xerando máis e mellor emprego de calidade e potenciar a folla de ruta que está a trazar a Galicia a través de dúas liñas complementarias: por unha banda, favorecendo a forza laboral interna e, en paralelo, promovendo a atracción de talento externo para facer fronte a desafíos como a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional.

Tocante ao mercado interno, salientou medidas en marcha para conectar de xeito máis eficiente oferta e demanda como EMi, a ferramenta de intelixencia artificial implantada nas 54 oficinas de emprego de Galicia que xa permitiu o perfilado competencial de arredor de 54.000 persoas. Tamén resaltou o compromiso coa empregabilidade de colectivos prioritarios —como mulleres, mocidade e parados de longa duración—, co tecido autónomo e co pulo á formacion flexible e á carta das empresas, que se consolidará co futuro decreto de microcredenciais para o traballo. Xa no mercado externo, explicou que a Comunidade ten posto o foco prioritariamente na atracción dos galegos e galegas do exterior —con medidas como as feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai, ás que asistiron 3.500 persoas— e avanza tamén no desenvolvemento de liñas dirixidas a traballadores de terceiros países, como o recente documento asinado con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para promover unha migración ordenada e coas máximas garantías. Ademais, lembrou demandas realizadas ao Goberno central relativas a cuestións como a flexibilización dos fondos finalistas de formación para o emprego e a necesidade fundamental axilizar os permisos de traballo, tamén dependentes do Goberno central, eido na que Galicia estuda por demandar as competencias.

As medidas impulsadas por Galicia, sinalou o conselleiro, son froito do consenso, un camiño, remarcou, ben diferente ao demostrado polo Goberno central na negociación de temas de gran calado, como a redución da xornada laboral.

R., 2025-05-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES