Notas de prensa

O CGAI adica o 19 e 20 de xaneiro un ciclo ao cineasta de vangarda Teo Hernández

Foi unha das principais referencias do cine experimental dos anos setenta e oitenta en Francia e destacou por filmes de marcado carácter poético e espiritual. O programa selecciona cinco títulos entre os máis representativos dunha longa filmografía que comprende ao redor de 150 fitas, con filmes como Salomé (1976).

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI–Filmoteca de Galicia) acolle o venres 19 e sábado 20 de xaneiro na súa sede da Coruña un pequeno ciclo dedicado ao mexicano Teo Hernández, que inclúe un total de cinco filmes asinados por este reputado cineasta da vangarda francesa.

Formado inicialmente como arquitecto, Hernández trasládase a París a mediados dos sesenta e moi rapidamente establece colaboración co artista Michel Nedjar, co que realiza varias viaxes ao longo de seis anos por países como A India, Nepal ou Grecia. É logo desas experiencias cando retorna á capital gala, onde residirá ata a súa morte en 1993, converténdose nese período nunha das figuras máis relevantes do cine experimental en Francia.

Entre os seus títulos máis influentes dese tempo, nunha extensa filmografía de ao redor de 150 pezas, figuran Salomé (1976) e Lacrima Christi (1978-79). As dúas están incluídas no ciclo que o CGAI organiza dentro da súa sección Desencadres e comisariado por Francisco Algarín, da asociación Lumière, unha das máis activas na difusión do cine de vangarda. Tamén se pasarán na filmoteca Nuestra señora de París (1981-82), L'eau de la Seine (1982-1983) e Pas de ciel (1987).

Identidade híbrida

O cine de Teo Hernández destaca polo seu marcado carácter poético e por ter unha certa tendencia cara ao metafísico, así como pola presenza de elementos folclóricos mexicanos e o peso da relixión en contraste coa cultura francesa que o adoptou. Movéndose decotío nesa identidade híbrida, a súa obra non pretende contar relatos estruturados nin ilustrar acto algún, senón suxerir sensacións a partir de xogos de luz e cor e mediante variacións na velocidade de proxección.

En Salomé (venres 19 ás 18,00 h.) realiza unha reinterpretación do mito xudeu-cristián incidindo na sensualidade pola vía da éxtase visual. Lacrima Christi (sábado 20 ás 18,00 h.), realizada partindo da filmación abstracta de obxectos atopados nun mercado de Belleville, supón a terceira parte dunha tetraloxía sobre a paixón de Cristo. É o filme máis longo na carreira do artista e o que comunmente está considerado a súa obra mestra.

O ciclo do CGAI complétase cunha serie de curtametraxes que evidencian o amor do cineasta pola cultura francesa. Coa súa particular ollada, capta a catedral de Nôtre Dame en Nuestra señora de París ou flirtea coas canles parisienses en L'eau de la Seine. As artes escénicas supuxeron para el outra das súas paixóns. En Pas de ciel segue os pasos do bailarín Bernardo Montet en plena improvisación. As proxeccións destas tres curtas realizaranse de xeito consecutivo o venres 19 a partir das 20,30 h.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2018-01-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES