
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou, tras unha xuntanza mantida este mediodía coa ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, o incremento do número de prazas do Programa de Termalismo Social que o IMSERSO ofrece nos balnearios galegos.
Tras a reunión, Feijóo cualificou de moi positiva esta decisión que pon en valor a aposta da Xunta por este sector, cun gran potencial sanitario, social e turístico. Non en van Galicia conta cunha grande variedade e riqueza de augas mineiro-medicinais de alta calidade que, xunto a profesionais cualificados e unhas modernas instalacións fan da Comunidade a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa.
Neste contexto, Feijóo trasladou á ministra os dous plans que o Goberno galego está a desenvolver nos últimos anos: Ourense, provincia termal e o Plan de turismo de Saúde e Termal de Galicia. Dúas iniciativas que se complementan coa creación da Cátedra de Hidroloxía Médica da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, en cuxa creación tamén participou o Goberno galego.
No tocante ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral, o titular do Goberno galego avanzou que neste primeiro trimestre do ano, Xunta e Ministerio asinarán o acordo de co-financiación co obxectivo de, paulatinamente, completar e aumentar os servizos e funcións ata convertelo nun centro de referencia estatal en materia de discapacidade.
Durante unha xuntanza coa ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, Feijóo abordou tamén o impulso das políticas sociais que será novamente un eido prioritario para Galicia neste 2018, cun orzamento total de 700 millóns de euros.
Ao respecto, e logo de destacar a posta en valor do Goberno central sobre o avance da Comunidade no eido social co compromiso de chegar aos 60.000 dependentes atendidos neste ano, Feijóo resaltou a intención da ministra de visitar entre o mes de febreiro e marzo Galicia para falar da evolución orzamentaria do Estado en materia de dependencia.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.