Notas de prensa

En Marea reclama un plan integral socioeconómico da zona da Ribeira Sacra

O grupo parlamentario considera que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade é “unha oportunidade histórica” e precisa un plan de desenvolvemento socioeconómico integral da zona, unha estratexia de conservación e divulgación do Patrimonio, orzamento e prazos de acción.

A incoación do procedemento para a declaración da Ribeira Sacra como BIC coa Categoría de Paisaxe Cultural é un paso previo para poder optar á candidatura como Patrimonio da Humanidade, pero para ter opcións a esta distinción, cómpre corrixir déficits estruturais das comarcas da Ribeira Sacra – especialmente no eido ambiental e de estado do Patrimonio – e integrar de xeito real ás comunidades do territorio no proxecto de candidatura como destacou a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao. Para iso, as administracións implicadas neste territorio deben poñer en marcha xa, sen agardar á distinción, un plan de conservación, estudo e divulgación do patrimonio natural e cultural a Ribeira Sacra con actuacións concretas urxentes en valores patrimoniais en perigo, como é o rico patrimonio inmaterial neste territorio envellecido.

“A consecución da figura de Patrimonio da Humanidade da UNESCO sería algo moi positivo para a Ribeira Sacra, pois implica que a zona sexa declarada de especial protección e que deberá ser conservada como patrimonio común da humanidade” asegurou Vázquez Verao. Ademais, podería optar a financiación por parte da UNESCO. Alén da importancia cultural, ética e humana que supón esta distinción, daría un pulo ao turismo e á vitivinicultura na zona, como xa ten sucedido noutros lugares declarados Patrimonio da Humanidade.

Mais esta figura por si soa non garante a preservación e mellora do estado do Patrimonio da zona así galardoada, senón que precisa unha participación activa da cidadanía e unha implicación efectiva das distintas administracións que actúan sobre o territorio, que deben manter e conservar o patrimonio cultural herdado e protexer o medio ambiente. Esíxese un especial coidado das administracións no caso da Ribeira Sacra, pois non se trata só dun monumento ou conxunto patrimonial ou dunha soa cidade, senón de todo un territorio con infinidade de patrimonio moi variado, para o cal non contamos con sitios semellantes declarados patrimonio da humanidade no Estado Español (podería semellarse co conxunto das igrexas románicas do Vall de Boí, en Catalunya, ou coa Serra da Tramuntana, en Mallorca), tendo que buscar referencias máis semellantes no Alto Douro, en Portugal, ou en Cinque Terre, en Italia.

O territorio coñecido coa denominación “Ribeira Sacra”, que engloba ás comarcas caldelá, limesa, á de Quiroga e á de Chantada, incluíndo Portomarín e parte de zona ourensá e de Trives, ten singularidades paisaxísticas e culturais que a converten nunha paraxe única: a xeomorfoloxía, cos canóns de Sil e Miño que conforman escarpadas pendentes onde se desenvolveu o cultivo en bancais, unha das obras humanas máis impresionantes do mundo; o clima, mediterráneo nos canóns, que mesturan a influencia continental, atlántica e mediterránea e orixina unha vexetación e fauna variada; o inxente patrimonio cultural, sendo un territorio tremendamente humanizado e con restos arqueolóxico-artísticos dende as primeiras etapas da humanidade. Conta ademais con enormes potencialidades agro-gandeiras e no sector artesanal, que posibilitarían a vida digna nesta terra de moita xente que segue a emigrar dela.

“Ademais de ter Patrimonio cultural en perigo, o territorio sofre ameazas que esixen unha especial atención das administracións, como o sobre-aproveitamento hidroeléctrico, a escasa rede de saneamento ou a falta de ordenación territorial e desorde forestal” alertou a deputada de En Marea quen destacou tamén o feito de que se trata dun territorio especialmente envellecido e de baixo nivel de renda en comparación con outras zonas de Galicia.

Dende En Marea consideran que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade debe ser unha oportunidade de implicar á cidadanía na conservación e coñecemento do noso patrimonio en todos os sentidos, toda vez que no proceso da candidatura, o ICOMOS, órgano consultivo para patrimonio cultural, encargado de emitir un ditame previo á valoración da candidatura polo Comité da UNESCO, se entrevistará coa sociedade civil.

A implicación da cidadanía, e especialmente de viticulturas e viticultoras, é vital para a viabilidade do proxecto, por canto existe descoñecemento e temor sobre o que vai significar a declaración de BIC, polo que dende En Marea propoñen que se realicen reunións coas comunidades para explicar as consecuencias para a vida diaria que levara a proposta de declaración BIC e divulgar o proxecto, máis alá do período de información pública de tres meses que marca a lei.

O grupo parlamentario entende que para a protección do Patrimonio inmaterial e material, débese comezar a realizar actuacións urxentes, como é a recollida de patrimonio oral e microtoponimia, obras de conservación e recuperación en San Paio de Abeleda e San Salvador de Asma, plan de conservación da Ponte Vella de Monforte ou un plan para protexer e dar a coñecer o importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo.

En canto ao carácter de zona economicamente deprimida, é fundamental para En Marea que a Xunta deseñe un plan de desenvolvemento das comarcas da RS, que teñan en conta a necesidade de integrar o puxante sector vitícola e turístico con resto da economía da zona, tendo en conta especialmente a necesidade do mantemento de Monforte como área sanitaria, o desenvolvemento dun verdadeiro plan de transporte por estrada que conecte ás poboacións da zona, e a esta con outras comarcas ou impulso do ferrocarril como transporte de viaxeiros/as e do Porto Seco de Monforte como nodo de intercambio de mercadorías. Así mesmo, no que respecta ao medio ambiente, é fundamental atender o coidado dos acuíferos.

Dende En marea continuarán cos contactos cos axentes do territorio de toda a Ribeira Sacra para propoñer posibles alegacións ao expediente e para formular propostas de actuacións prioritarias para as comarcas da Ribeira Sacra.

Gabinete de Comunicación de En Marea, 2018-01-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES