Notas de prensa

Convocadas novas edicións dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

Publícanse as bases dos tres certames e ábrese ata o 10 de maio de 2018 o prazo de recepción de orixinais. Os galardóns, que suman unha dotación económica total de 24.000 euros, buscan estimular e recoñecer a creación literaria no eido teatral. Os tres premios comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático galego.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca as novas edicións dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades de público infantil e adulto.

As bases destes galardóns, de periodicidade bienal e cunha dotación económica total de 24.000 euros, publícanse hoxe no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171228/AnuncioG1097-041217-0009_gl.html). O prazo de recepción de orixinais prolongarase ata o 10 de maio de 2018.

Os tres premios comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais da dotación económica, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Para textos inéditos e non representados

Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.

Para a avaliación de todos os textos recibidos na forma e prazo que indican as bases, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, que deberá ter lugar antes do 15 de novembro de 2018, o xurado valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.

O Álvaro Cunqueiro acadará deste xeito a súa vixésimo cuarta edición, manténdose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, mentres que o Manuel María de literatura dramática infantil celebrará a súa décima entrega e o Barriga Verde de textos para teatro de monicreques chegará á décimo terceira convocatoria.

Os textos presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal. A presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes. Para o caso das persoas físicas, estas tamén poderán achegar as obras de xeito presencial en calquera dos rexistros establecidos na normativa reguladora, como así se establece nas bases.

Na anterior edición, os autores e títulos que se fixeron con estes recoñecementos foron Manuel Lourenzo coa obra Suite Artabria, XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais; Carlos Labraña coa peza O valo, IX Premio Manuel María de literatura dramática infantil; Inácio Vilariño con O golfiño e o xigante, XII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na categoría para rapaces; e Roi Vidal con Marcha fúnebre para un monicreque , XII Premio Barriga Verde para teatro de monicreques na categoría de teatro para adultos. As catro obras están publicadas en distintas coleccións de Edicións Xerais e de Baía Editorial e á venda nos principias establecementos galegos así como na Libraría Institucional da Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES