Notas de prensa

Increméntanse ata 650.000 euros o financiamento público para a produción nas artes escénicas en 2018

A convocatoria supón un incremento do 7.6% respecto á de 2017 e contempla espectáculos de pequeno, mediano e gran formato, así como propostas de compañías de nova creación. Introdúcense elementos de discriminación positiva para garantir un mínimo de dous espectáculos de danza.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica por valor de 650.000 euros, o que supón un aumento na súa dotación do 7,6 por cento respecto ao actual ano 2017.

Ademais deste incremento orzamentario, a convocatoria para 2018 introduce unha importante novidade respecto ás dos anos anteriores, xa que establece un mecanismo de discriminación positiva para garantir o apoio á produción dun mínimo de, polo menos, dous espectáculos de danza. Esta medida, demandada polas compañías dedicadas a este xénero específico, foi acordada coas principais asociacións do sector.

As bases establecen como finalidade destas subvencións o fomento da produción escénica, en calquera das súas disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade en Galicia cuxas propostas se estreen entre o 1 de abril de 2018 e o 31 de marzo de 2019. Concrétase, así mesmo, que a produción dos espectáculos deberá iniciarse no exercicio de 2018.

Para novas compañías e segundo o número de intérpretes

Mantéñense as catro modalidades das convocatorias anteriores, segundo se trate de montaxes levadas a cabo por compañías de nova creación e que non superen os 20.000 euros de orzamento; espectáculos de pequeno formato (ata tres intérpretes) que non excedan os 30.000 euros; de mediano formato (con entre catro e sete intérpretes) e que non contemplen máis de 60.000 euros de orzamento; e espectáculos de gran formato (compostos por máis de sete actores e actrices, manipuladores, bailaríns ou músicos en escena) e que non rebasen os 80.000 euros.

O obxectivo destas subvencións é favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Insírense, ás súa vez, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coa convocatoria para salas privadas de exhibición –avanzada o pasado día 22– e as destinadas a festivais e a distribución de espectáculos, que serán publicadas nos vindeiros meses.

O prazo de presentación de solicitudes para optar ás subvencións á produción escénica dará comezo mañá e manterase aberto ata o 26 de xaneiro de 2018. As bases, dispoñibles en este enlace, especifican que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal e que a presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes.

En 2017, un total de 31 compañías profesionais galegas obtiveron subvención por esta canle para producir os seus últimos espectáculos escénicos co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Foron, en concreto, 12 montaxes de empresas de recente creación, outras 12 de pequeno formato, seis de mediano formato e unha de gran formato.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-12-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES