Notas de prensa

A Xunta convoca axudas para os sectores audiovisual e editorial galegos

Agadic convoca 145.000 euros en axudas para promover o talento audiovisual galego a través do impulso á escrita de cinco guións, a realización doutras cinco curtametraxes e a posta en marcha de tres longas con dirección novel. Cultura destina 550.000 euros en axudas para mellorar os servizos bibliotecarios e para apoiar o sector editorial.

A Consellería de Cultura e Educación publica no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as subvencións de 2018 para incorporar á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia novidades editoriais en lingua galega, así como material diverso –libros, discos, DVD, partituras etc.– para enriquecer e actualizar as coleccións bibliográficas.

A Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 550.000 euros a estas dúas liñas de subvencións, dirixidas aos concellos galegos, que se publican conxuntamente nunha mesma orde, por vez primeira, para facilitar o labor dos concellos, grazas á simplificación dos trámites para presentar as solicitudes.

Por unha banda, o obxectivo da Secretaría Xeral de Cultura coas axudas para a adquisición de novidades editoriais, dotadas con 200.000 euros, é que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de Galicia teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as obras máis recentes publicadas en galego no momento da súa entrada no mercado. Para iso, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo habilitou a plataforma electrónica https://novidadeseditoriais.xunta.gal para a compra de libros en formato físico por parte das entidades locais, en función da demanda das súas bibliotecas e de acordo cos requisitos establecidos nesta orde.

Unha vez adxudicada a subvención por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación á que atende cada servizo bibliotecario municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na que incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado aos centros beneficiarios.

Estas axudas complétanse coa liña de subvencións para actualizar as coleccións bibliográficas, a través da compra de monografías (tanto libro infantil como libro dirixido as persoas adultas), material sonoro (discos e vinilos), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais, para os que se destinan 350.000 euros, deberán estar dirixidos ao mantemento ou renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.

Ambas subvencións convócanse este ano conxuntamente, por vez primeira, e antes de que comece o ano próximo, para favorecer que as técnicas e os técnicos bibliotecarios mu-nicipais dispoñan dunha marxe maior para planificar as adquisicións de novidades e mello-ras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial as campañas de verán e de Nadal, nas cales se incrementa en gran medida a demanda deste servizo.

Entre os requisitos para optar ás axudas establécese que as bibliotecas ou axencias de lec-tura pública municipais receptoras dos fondos bibliográficos deberán estar integradas na Rede de bibliotecas de Galicia antes da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, ter un horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a xestión da biblioteca ou da axencia de lectura.

Ademais, as entidades locais que soliciten subvencións para a mellora das coleccións bibliográficas deberán ter realizado no período comprendido entre o 1 de maio de 2017 e o 31 de decembro de 2017 un investimento na adquisición de fondos bibliográficos con destino á biblioteca ou axencia de lectura pública municipal, con cargo aos orzamentos do concello. Este investimento deberá ser igual o superior ao 20% da cantidade máxima que se pode conceder a través das axudas.

A contía do importe dos fondos bibliográficos a que poderá acceder cada entidade beneficiaria determinarase en función do número de habitantes de cada concello solicitante, e vai dos 500 euros para as localidades de menos de 2.000 habitantes ata os 3.500 euros para os concellos de máis de 50.000.

Posibilitar a mellora e a actualización dos fondos bibliográficos que configuran as coleccións das bibliotecas públicas municipais de Galicia para dar cumprida resposta á demanda das persoas usuarias é o principal obxectivo desta convocatoria de subvencións promovida pola Consellería de Cultura e Educación, que, ao mesmo tempo, contribúe a impulsar o sector editorial galego.

Audiovisual

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abre ata o 19 de xaneiro o prazo de solicitude das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego para 2018. Esta liña de axudas mantén a dotación de 145.000 euros das súas convocatorias anteriores, que cada ano se destina a impulsar 13 novos proxectos de guións, curtas e longametraxes.

En concreto, 25.000 euros resérvanse á escrita de cinco guións de longametraxes cinematográficas, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longas por directores noveis.

As axudas ao talento, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Este ano os proxectos beneficiarios foron as curtametraxes Matria, de Ãlvaro Gago, que acaba de ser seleccionada para o festival de Sundance; A carta xeométrica, de Miguel Mariño; Exhalación, de Alberto Díaz López; Sendeiro, de Lucía Estévez, e Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana Gómez-Díaz; os guións Anguías, de Nuria Mosqueira Varela; Os días calados do señor Steven, de César Souto Vilanova; Só (unidade mínima), de Antonio Chouza López; Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser, de Marta Pérez Pereiro, e O corpo aberto, de Ãngeles Huerta; e as longas 9 fugas, de Fon Cortizo; Ursúas, de Roi Fernánez; e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld.

As bases, que poden consultarse no seguinte enlace do Diario Oficial de Galicia (DOG): www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171219/AnuncioG1097-041217-0007_gl.html, especifican que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal sede.xunta.gal e que a presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-12-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES