Notas de prensa

Apoio á promoción internacional de dez filmes galegos en distintos festivais de cine de prestixio

Apoiouse a presenza do audiovisual galego en Bilbao, Bos Aires, Karlovy Vary, Locarno, Mar del Plata, Rotterdam, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón. Con esta concesión, complétase a resolución do programa anual de subvencións ao audiovisual galego dotado con 2,49 millóns de euros a distribuír entre cinco liñas de apoio.

Dez produtoras galegas son as adxudicatarias este ano das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a promoción e difusión do cinema galego en festivais de prestixio celebrados fóra de Galicia. Mediante estas axudas, dotadas con 30.000 euros, a Xunta contribuíu a lle dar unha maior visibilidade os filmes destas empresas en dez sobresaíntes certames do circuíto internacional como son os de Bilbao, Bos Aires, Karlovy Vary, Locarno, Mar del Plata, Rotterdam, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón.

A Agadic publica no seu web a segunda e última adxudicación ao abeiro desta convocatoria, coa que completa, ademais, a concesión do seu programa anual de subvencións ao audiovisual galego, dotado con 2,49 millóns de euros para distribuír entre cinco liñas de apoio: produción e coprodución audiovisual, promoción do talento, desenvolvemento de proxectos, organización de festivais e a devandita de promoción en certames internacionais.

A través destas últimas axudas, a Xunta colaborou este ano con Zeitun Films nas accións de difusión de Mimosas, o premiado filme de Oliver Laxe, nos festivais IFF de Rotterdam (Holanda) e BAFICI de Bos Aires (Arxentina), e da curtametraxe Tsweesh, de Feyrouz Serhal, no de Locarno (Suíza).

Óperas primas

Nos tres devanditos certames presentáronse, ademais, outros tantos títulos galegos, apoiados mediante esta convocatoria. É o caso das curtas Fajr, de Lois Patiño, en Rotterdam; Plus Ultra, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, en Locarno, e a ópera prima de Andrés Goteira, Dhogs, na súa estrea en Bos Aires.

Como esta última, que tamén contou con apoio para a súa estrea estatal no festival de cine fantástico de Sitges, foron subvencionadas outras tres películas que supoñen o debut dos seus directores na realización de longametraxes: A estación violenta, de Anxos Fazáns, e o documental Os fillos da vide, de Ana Domínguez, ambas estreadas no Festival de Cine Europeo de Sevilla, e Nocturno, fantasmas de mar en puerto, de Álvaro F. Pulpeiro, no FIC de Xixón.

Por último e xunto con Plus Ultra, que volve figurar nesta listaxe con motivo das súas seleccións nos certames de San Sebastián e Mar del Plata (Arxentina), outra curta do tándem Girón-Delgado, Montañas ardientes que vomitan fuego, dispuxo de axuda para a súa participación no Karlovy Vary Internacional Film Festival, da República Checa, mentres que El paisaje está vacío, de Carla Andrade, viaxou ata o Zinebi de Bilbao para documentais.

As produtoras recibiron contías que oscilan entre os 1500 e os 2500 euros que destinaron, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación nas devanditas mostras internacionais, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-12-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES