Notas de prensa

A xornada do CCG Bo uso e mal uso do mar analiza a relación das mulleres co medio mariño en Galicia

Comeza en Pontevedra a cuarta edición da xornada “Bo e mal uso do mar”, que pon o foco nas mulleres que se dedicaron aos oficios do mar, á investigación en ciencias mariñas e en educación para a sustentabilidade oceánica. A xornada, que conta con 200 inscritos, poderase seguir en directo desde o web da Universidade de Vigo.

Traballadoras da salga e da conserva, redeiras, mariscadoras, regateiras, poxadoras. Mulleres que fan investigación en ciencias mariñas pero tamén innovación educativa, sobre educación para a sustentabilidade oceánica, con perspectiva de xénero, necesaria para a formación de alumnas e alumnos de todos os niveis educativos, que se van enfrontar a retos planetarios nun futuro inmediato.

O programa

O programa científico comeza coa conferencia "As mulleres e o traballo do mar en terra firme", a cargo da directora do Museo Massó de Bueu, Covadonga López de Prado Nistal.
Na Casa das Campás, terá lugar o panel que aborda o "Papel das mulleres en empresas, asociacións e investigación para o desenvolvemento económico e a sustentabilidade dos recursos mariños". Nel, Ana García Cabado, da área de I+D+i –División de seguridade alimentaria de ANFACO-CECOPESCA, falará da “Interacción entre empresas e centros de investigación para a sustentabilidade dos recursos mariños”. Deseguido, a coordinadora da Área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, Rosa Chapela Pérez, analizará do papel das mulleres no desenvolvemento socioeconómico das comunidades litorais. Por último, Sandra Amézaga Menéndez, da secretaria da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, pechará as intervencións cunha conferencia titulada “Redes e asociacionismo de mulleres profesionais e empresarias no sector pesqueiro”. Ademais das conferencias, no marco do programa está previsto a inauguración dunha exposición que afonda sobre a materia da xornada.

A iniciativa

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” está encamiñada a darlle competencias ao futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria para que realice accións co seu alumnado orientadas a mellorar a relación que a cidadanía ten cos océanos. As xornadas arrincaron en 2014 baixo a dinámica de conferencias e obradoiros de traballo e durante estes anos analizaron temas como a relación da cidadanía cos mares, a contaminación das rías galegas ou a xestión de recursos desde unha perspectiva de xénero.

A sección de Ciencia, Natureza e Sociedade

A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade encamiñada a elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, así como a publicacións de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga, editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.

Consello da Cultura Galega (CCG), 2017-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES