Notas de prensa

RAG: Ourense recorda o papel do escritor Carlos Casares nas institucións

O Liceo de Ourense acolleu un acto de homenaxe a Carlos Casares e o seu papel nas institucións das que formou parte. O encontro, organizado polo Parlamento de Galicia, recordou así a súa traxectoria como deputado, membro de número da Real Academia Galega ou presidente do Consello da Cultura Galega (CCG).

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, salientou a aposta pola renovación que supuxo no seu momento o ingreso do escritor ourensán na rúa Tabernas e a súa participación no proceso de determinación da normativa da lingua do ano 1982 e a redacción da Lei de normalización lingüística.

Cando Carlos Casares se converteu en académico de número no ano 1978, só tiña 36 anos. Foi, polo tanto, unha das tres persoas que ingresaron con menos idade na institución en toda a súa historia, pois era só un pouco maior do que o foi no seu día Xosé Filgueira Valverde (35) e Manuel Banet Fontenla (34), lembrou Víctor F. Freixanes. A entrada do autor ourensán, que acababa de publicar Xoguetes para un tempo prohibido -obra distinguida por Galaxia co premio convocado co gallo dos 25 anos da editorial- e xa gozaba de recoñecemento, supuxo "unha aposta pola renovación da institución", pola entrada de xente nova capaz de darlle un novo alento, explicou o presidente da RAG, que recordou tamén o seu discurso de ingreso, O desastre de 1898 e os escritores galegos.

Víctor F. Freixanes repasou o papel de Casares no proceso de elaboración da normativa do galego no ano 1982, aprobada conxuntamente pola RAG e o Instituto da Lingua Galega. O escritor representou entón a Academia xunto a Ramón Piñeiro e Andrés Torres Queiruga e foi tamén naqueles tempos unha das persoas que participou activamente na elaboración da Lei de normalización lingüística desde a súa dobre condición de deputado na primeira lexislatura do Parlamento de Galicia -como independente nas filas do PSdeG- e académico, engadiu.

O presidente da RAG interveu en representación da institución no acto, clausurado polo presidente do Parlamento, Miguel Santalices, e no que tamén tomaron a palabra o presidente da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad; e o fillo do escritor Håkan Casares, en nome da familia.

Miguel Santalices indicou que, se ben ao longo do ano 2017 foron moitos os actos celebrados para recordar a figura e a obra de Carlos Casares, "restaba unha convocatoria como esta, orientada a reivindicar outra das súas facianas, o seu compromiso coas institucións". "Casares foi un patriota galego, convencido de que para asegurar o seu futuro Galicia precisaba dunha estrutura institucional sólida, moderna e homologable coas dos países máis avanzados en termos democráticos", concluíu o presidente do Parlamento de Galicia.

Real Academia Galega (RAG), 2017-12-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES