Notas de prensa

Amigos da Ópera de Santiago reúne en escena nunha produción operística a Cándido Pazó e o Taller Atlántico Contemporáneo

"Il segreto di Susanna" estréase o 16 de decembro no Teatro Principal de Compostela. A dirección escénica recae en Pazó. Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio do noroeste italiano de Piamonte.

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estrea o 16 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal de Santiago a súa segunda produción operística: Il segreto di Susanna (O segredo de Susana). A montaxe reunirá en escena ao Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), ao actor e dramaturgo Cándido Pazó, á soprano moldava Clara Jelihovschi Panas e ao barítono Javier Franco. A peza conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación da Coruña, como tamén coa colaboración do Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, a través da súa Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social. As entradas xa están á venda e pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira do propio Teatro ou mediante o web de entradas de Abanca.

Deste xeito, Amigos da Ópera de Santiago dálle continuidade á liña de produción que a entidade abriu o ano pasado coa ópera Brundibar e que continúa neste 2017 con Il segreto di Susanna, peza cuxo libreto pertence a Enrico Golisciani mentres que a música está composta por Ermanno Wolf-Ferrari.

Amigos da Ópera volve confiarlle a dirección artística a Cándido Pazó, quen –ademais de interpretar un dos papeis da obra– traballará con dous dos seus colaboradores habituais no ámbito escénico: o recoñecido escenógrafo Carlos Alonso e o reputado iluminador Afonso Castro. O apartado musical correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) que, baixo a dirección musical de Diego García, encargarase da música que acompañará as voces dos xas citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaílle (piano).

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa élle infiel. Inquedo, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) constitúe unha entidade sen ánimo de lucro que actúa en Santiago de Compostela e no seu ámbito comarcal. As súas finalidades son o cultivo e o fomento da ópera e de todas aquelas actividades, incluídas as pedagóxicas, que poidan levar a unha expansión e un maior coñecemento da mesma.

Para desenvolver estes obxectivos, a ADOC adoita organizar as seguintes actividades: representacións de ópera, concertos, conferencias, cursos, exposicións, proxeccións e todas aquelas que podan estar relacionadas cos obxectivos da Asociación. Dende a súa creación en 2012, a Amigos da Ópera de Santiago de Compostela foi gañando repercusión e presenza grazas ás diferentes actividades que está a desenvolver, principalmente a organización do Ciclo Lied de Santiago ou a produción de óperas como Brundibár.

Alberto Ramos (Servicio de Comunicación da Asociación de Amigos de la Ópera de Santiago de Compostela A.D.O.C.), 2017-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre xuño e agosto, a RFG ofrecerá varios concertos en Santiago e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías aspira a coordinar a construción do prototipo dunha parte esencial para o FCC, o futuro colisionador de partículas do CERN. A construción do prototipo será unha iniciativa estratéxica para a I+D+I en Galicia, xa que implicará tanto á academia como ao tecido industrial especializado no ámbito dos aceleradores de partículas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES