
A abundancia de recursos auríferos e a mestura de correntes atlánticas e mediterráneas contribúen a explicar unha produción ourive de alta calidade, da que hoxe coñecemos máis de duascentas pezas conservadas nos nosos museos (torques, arracadas, brazaletes, diademas-cinturón, etc.).
A aparente ausencia de contextos, a dificultade de acceso aos materiais e o predominio dos enfoques tipolóxicos condicionaron durante décadas a investigación desta ourivería. Porén, dende comezos do novo milenio veñen xurdindo novos enfoques metodolóxicos e interpretativos. Estas novas achegas priorizan o estudo tecnolóxico e arqueométrico, procuran nova información contextual e cronolóxica e tentan comprender este fenómeno no contexto social das comunidades da Idade do Ferro e dos primeiros tempos da presenza romana.
Dende o ano 2010 o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC vén liderando proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas orientados ao estudo da metalurxia protohistórica da Europa atlántica. A investigación sobre a ourivería dos castros constitúe unha parte moi salientable destes proxectos. O obxectivo do presente encontro é facer un balance divulgativo do traballo realizado até o presente, con especial énfase nun dos conxuntos máis salientables da ourivería castrexa: o Tesouro de Recouso.
Atopado de maneira casual nun castro do concello de Oroso arredor de 1920, na actualidade o conxunto está composto por 16 arracadas, diversos elementos de suspensión, tres lingotes planoconvexos e unha masa de fundición. Conservado dende o ano 2002 no Museo das Peregrinacións e de Santiago, trátase hoxe en día do conxunto de ourivería castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.