Notas de prensa

Educación selecciona 20 centros educativos para crear un laboratorio de Radio na Biblioteca Escolar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria para a posta en marcha da iniciativa Radio na biblio, un proxecto piloto a través do que 20 centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria porán en marcha nas súas respectivas bibliotecas escolares un laboratorio de radio.

Para seleccionar os centros a Consellería tivo en conta a valoración acadada pola memoria da biblioteca do pasado curso 2016/17 (polo proxecto presentado, no caso dos centros que se incorporaron ao Plambe este curso) e a localización xeográfica dos centros, dando prioridade aos que se atopan en concellos do ámbito rural.

En base a estes criterios, os centros seleccionados para esta primeira experiencia foron, na provincia da Coruña, os CEIP Canosa-Rus (Coristanco), Milladoiro (Malpica de Bergantiños), Víctor Sáenz (Mazaricos), Plurilingüe Ricardo Tobío (Muros) e Plurilingüe Pepe de Xan Baña (Santa Comba); os CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e Plurilingüe de Vedra (Vedra, e o IES de Porto do Son (Porto do Son). Pola súa parte, na provincia de Lugo resultaron elixidos os CEIPs da Pobra de Brollón (A Pobra de Brollón) e Plurilingüe Virxe do Carme (Sober), e na de Ourense os CEIPs do Xurés (Lobios) e Plurilingüe de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio). Asemade, participarán neste proxecto piloto, na provincia de Pontevedra, os CEIPs de Agolada (Agolada), Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), Plurilingüe Manuel Sieiro (Crecente), de Figueiroa (A Estrada), Valle-Inclán (O Grove) e A Lama (A Lama); o CRA de Meis (Meis) e o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal).

O obxectivo deste programa é que o alumnado avance na adquisición das competencias informacionais e mediáticas, imprescindibles na sociedade actual. Así mesmo, procúrase estimular o papel das bibliotecas escolares como “centros creativos de aprendizaxes”, tal e como establece o Plan Lía 2016/20.

Asemade, búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple e o traballo colaborativo da comunidade educativa. Neste sentido cómpre sinalar que a posta en marcha de iniciativas de radio en centros educativos ten demostrado ser unha boa ferramenta para xerar dinámicas de comunicación, de apoio aos proxectos do centro, dos traballos elaborados polos alumnos, etc.

Alfabetización informacional

Esta iniciativa enmárcase no desafío número catro do Plan LÃA 2016/20, referido ás alfabetizacións múltiples, con medidas destinadas á mellora das capacidades lectoras do alumnado e no desafío número cinco da mesma estratexia, vencellado ás competencias AIFIN/AMI (alfabetización informacional/alfabetización mediática e informacional). Neste sentido, o Plan contempla como medida concreta a posta en marcha dun programa de radio escolar vinculado a biblioteca para a mellora da competencia informacional e mediática dos escolares.

Ademais, o Plan recolle no seu desafío número dous diferentes medidas para promover a evolución de todas as bibliotecas escolares cara a laboratorios creativos de aprendizaxe, na medida en que estas se configuran como espazos físicos e simbólicos de oportunidade para desenvolver proxectos colaborativos conectados ao tratamento do currículo, así como para dar resposta aos intereses culturais e formativos dos membros da comunidade educativa.

Co fin de dar a coñecer esta experiencia ao conxunto da comunidade educativa galega, os materiais que se elaboren ao abeiro deste proxecto piloto poderán ser difundidos como exemplo de boas prácticas, cando así se considere, a través dos espazos web da consellería vinculados ao Plan LÃA.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-11-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (facela-fest-2026.jpg) O FaCeLa Fest reúne este ano a 18 bandas, encabezadas polos ingleses Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e as madrileñas Shego. Completan o cartel o novo proxecto lucense The Foolans, Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo. O escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras pero haberá tamén concertos noutros espazos da cidade, como o Bar Facela, no barrio da Tinería.
Foto de la tercera plana (educacion-responsable.jpg) Galicia aposta por ampliar as melloras no ensino tamén ás etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional con novas propostas en materia de ratios, atención á diversidade e horario docente, dentro da vía de diálogo aberta entre Xunta e sindicatos. As propostas, que se elevarán aos órganos pertinentes coa previsión de comezar a aplicalas desde o novo curso que arranca en setembro, abordan melloras nas ratios de estudantes por aula na ESO e no Bacharelato, na atención que se presta ao alumnado que máis o precisa e na configuración do horario do profesorado e das súas funcións.

Notas

O Espazo de intervención cultural NORMAL da UDC acollerá ata o 15 de setembro a exposición “A Coruña, porto negreiro”, unha mostra que propón unha revisión crítica da memoria colonial da cidade e ao seu papel no tráfico transatlántico de persoas escravizadas. Esta mostra expositiva fai un percorrido pola memoria colonial coruñesa e convida a recoñecer as pegadas que este legado deixou na arquitectura, na economía e no imaxinario urbano.
Seguir a 'tipsters' ou prognosticadores de xogos de apostas en redes sociais asóciase cunha maior intención de apostar entre adolescentes. Os menores que seguen a estas figuras amosan unha maior frecuencia de xogo e unha menor percepción do risco. Estas son algunhas da conclusións dun estudo realizado desde a Universidade de Vigo e a Universidad Miguel Hernández de Elche (UMH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES