Notas de prensa

A cultura universitaria de Galicia e o Norte de Portugal dáse cita na USC

Santiago de Compostela acolle os días 28 e 29 a segunda edición do MMP: Música e Movemento Partillados, un encontro cultural universitario das universidades galegas e as tres do norte de Portugal que se desenvolveu por primeira vez en 2016 na cidade portuguesa de Vila Real, sede da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Desde hai tres anos, esas seis universidades traballan nun proxecto de cooperación cultural eurorrexional dentro do marco da Fundación CEER relacionado coas artes escénicas e musicais baixo o epígrafe ‘Música e Movemento Partillados’. A idea xurdiu da necesidade de compartir a cultura e a actividade artística xerada nesas institucións e de abrir unha canle de difusión cultural universitaria transfronteiriza que permita establecer sinerxías e fortalezas entre elas nese ámbito.

A primeira sesión do encontro comezará ás 20:00 horas na Igrexa da Universidade –con entrada libre ata completar o aforo– con O Romance do Pergamiño, unha dramatización promovida pola Universidade de Vigo con Luís Corral “O Caruncho” (o cego) e Chus Iglesias (a lazarilla) contando a súa particular versión da historia do pergamiño Vindel, agora en Galicia chegado de Nova York. Despois intervirán o Fado Académico do Orfeão da Universidade de Porto cunha escolma de fados clásicos de Porto e o Ensemble de Percussão da Universidade do Minho que ofrecerá tres obras para marimba, vibráfono e caixa. Pechará o programa a Orquestra da USC interpretando dúas pezas orquestrais de Astor Piazzolla.

A segunda xornada desenvolverase o mércores 29 no Salón Teatro, tamén a partir das 20:00 horas, con entrada gratuíta pero con recollida previa de entrada na billeteira. Comezará coa proxección das tres curtas gañadoras do XV Premio de Creación Audiovisual da Universidade de Vigo nas modalidades de narrativa, animación e vídeo experimental. Logo, o grupo da Escola de Teatro da Aula de Teatro da USC ofrecerá a peza Sonche bicos, seguida das coreografías Clásicos Max Mix do Grupo de Danza Contemporánea da Universidade da Coruña e A trigonometría do strip-tease do Espazo de Danza da USC. O programa rematará co espectáculo Projeto 31 horas, de ‘Sons do Douro’, un colectivo vencellado á Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro que transforma pipas de viño en instrumentos musicais, mesturando os sons da percusión tradicional portuguesa cos ritmos contemporáneos.

Esta edición de MMP Música e Movemento Partillados conta co co financiamento do Concello de Santiago de Compostela, da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Programa IACOBUS Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal, así como coa colaboración do AGADIC.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2017-11-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da USC, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES